Pleno provincial breve, cordial, unánime e con distancias protocolarias
Por Anxo Lourido
Nunca se celebrou un pleno provincial nas circunstancias deste venres 26 de xuño. Por primeira vez, a maioría de deputados en lugar de ocupar as súas butacas no estrado situábanse en cadeiras na zona que habitualmente ocupa o público mantendo distancias de seguridade e portando máscaras protectoras.
A presidenta Carmela Silva, neste primeiro pleno presencial tras a aparición do coronavirus, facía referencia a esta situación inusual no arranque da sesión na que solicitou un minuto de silencio en memoria das vítimas da pandemia da Covid-19. Na zona principal o portavoz do PSOE, Carlos Font, e o do PP, Jorge Cubela, eran os únicos que mantiñan as súas posicións habituais.
Tamén foi un pleno breve e marcado pola unanimidade. Nesta ocasión non houbo debates broncos e extensos. Desta forma, aprobábase a adhesión á rede de entidades locais para promover os obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, que impulsa a Federación Española de Municipios e Provincias. Esta actividade diríxese a favorecer a coordinación de actuacións entre os gobernos locais e, entre outras medidas, establecerá propostas para facer fronte á crise económica que se deriva da expansión do virus sen deixar a ningún municipio atrás.
Ademais, aprobábase por unanimidade a incorporación á Rede de Cidades que Camiñan e á Rede de Cidades pola Bicicleta, defendida polo deputado nacionalista Uxío Benítez, sinalando que a Deputación de Pontevedra sería a primeira institución provincial en incorporarse á Rede de Cidades que camiñan e que esta decisión mellorará a vida saudable. O Partido Popular, a través de Jorge Cubela, apoiaba a proposta ao entender que axudará a mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria.
Todos os grupos apoiaron tamén a modificación de crédito para activar unha liña de axudas extraordinaria para favorecer a conciliación nos municipios de menos de 50.000 habitantes. A cantidade ascende a 365.000 euros destinados a complementar o financiamento de programas de atención á infancia, a persoas maiores ou a dependentes.
Tamén se coñeceron os datos de período medio de pago a provedores durante o mes de maio, que se sitúa en 7,78 días nos que se abonaron 2,2 millóns de euros. As facturas pagas tiveron unha tramitación de 8,04 días rebaixando en seis días os datos de abril e a demora de trámites de facturas pendentes reduciuse a 11. Carmela Silva agradeceu ao persoal da Deputación o esforzo realizado durante este período para ofrecer estes resultados, que axudan á liquidez das empresas nestes momentos de crises.
PRIMEIRA XUNTA DE PORTAVOCES
Este venres tamén se celebraba a primeira reunión da Xunta de portavoces coa intención de que se establezan acordos e consensos máis aló da crise sanitaria. Os tres grupos políticos reuniranse unha vez ao mes para compartir as iniciativas e coordinar proxectos para ofrecer un mellor servizo á cidadanía
Relacionadas:
-
O Partido Popular propón á Deputación que amplíe os contratos do Plan Concellos ata febreiro de 2021
Por Redacción |
-
O PP acusa o goberno provincial de utilizar a Deputación como plataforma política do PSOE de Vigo
Por Redacción |
-
Igualdade, coidado do medio ambiente e mellorar a relación coa Xunta, obxectivos da nova Deputación
Por Manu Otero |