Cuntis comeza tres días de festas patronais co apoio da Deputación
Por Redacción
As festas patronais de Cuntis desenvolveranse desde este xoves 15 de agosto ata o domingo 18 cun amplo programa de actividades e para a súa organización recibiron o apoio explícito da Deputación Provincial de Pontevedra.
As festas inclúen un amplo programa de actividades. Ás diversas actuacións musicais diurnas e ás tradicionais verbenas, suma numerosas actividades para todas as idades, coma o Desafío Ocio, que terá lugar o xoves ás 17.30 horas e inclúe paseos en canoa, tirolinas, tiro con arco ou torre multiaventura.
O programa completase con actos como o I Roteiro de Viños, o venres ás 21.30 horas, ou a xa tradicional carreira de camas que se celebrará o mesmo día ás 17.30. Actuacións de paiasos, xogos populares, festa da espuma, maratóns, fútbol e inchables completan o programa.
O alcalde de Cuntis, Antonio Pena, entrevistouse este martes coa deputada provincial Ana Isabel Vázquez, con quen analizou a relevancia destas celebracións, coñecidas popularmente como 'Festas de Agosto' e que teñen un gran arraigo neste municipio pontevedrés.
O rexedor agradeceu o apoio da Deputación a estas "festas grandes" do municipio, que organiza a Asociación Cultural e Xuvenil Río Gallo, co apoio do propio Concello.