A Deputación impulsa talleres para loitar contra o cambo climático dirixidos a escolares e ao sector agrogandeiro
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva asinou este xoves tres novos convenios de colaboración por case 113.000 euros coa Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), a Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA), e a asociación Vento Noso para impulsar obradoiros en centros escolares e formar ao sector agrogandeiro.
Carmela Silva sinalou que estes convenios son "tres iniciativas potentes ", que dan cumprimento aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030, "apostando pola concienciación sobre a defensa do Medio Ambiente e loita contra o cambio climático e para que o sector primario camiñe cara a transición ecolóxica", destacou a presidenta.
Así, a través destes proxectos, que se desenvolverán ao longo do 2020, organizaranse obradoiros en centros escolares da provincia para concienciar á rapazada sobre o cambio climático e o papel dos bosques, así como cursos de formación dirixidos ás explotacións agrogandeiras da provincia para o emprego de fontes de enerxía alternativa.
A presidenta valorou positivamente a aposta dos convenios con ASEFOGA e FEGAMA por traballar directamente cos centros educativos e mocidade da provincia, xa que ten "moito poder" para, á súa vez, "cambiar ás familias".
No caso concreto de ASEFOGA, tal e como destacou o seu presidente Jacobo Feijoo, trátase de 14 obradoiros con material didáctico (vídeos e unha exposición itinerante) en centros educativos da provincia, para "completar o curriculum cunha visión fresca e directa do sector forestal de Galicia", facendo fincapé na súa importancia e en aspectos como a xestión sostible, a conservación do Medio Ambiente ou o papel dos bosques na loita contra o cambio climático. Ademais, os obradoiros incidirán na madeira como materia prima e produto renovable, e nas posibilidades de desenvolver ciencia e tecnoloxía arredor dela.
A Deputación de Pontevedra tamén traballará cos centros educativos da man de FEGAMA, tal e como explicou a súa directora técnica Carmela Cañedo, concretamente con 14 centros escolares nos que, mediante obradoiros con metodoloxías baseadas en xogos e folletos informativos, se afondará sobre o cambio climático. Ademais dos obradoiros, o proxecto de colaboración contempla tamén o concurso "Como ves ti o cambio climático", para alumnado de 5º e 6º de primaria, con dúas modalidades: debuxo e relato.
Con respecto ao convenio con Vento Noso, a súa directora técnica,Patricia Sánchez, subliñou que o obxectivo do convenio é acelerar o máximo posible a transición ecolóxica no sector agrogandeiro mediante a aposta por enerxías renovables e a formación nesta materia, con cursos formativos, en modalidade online e mixta, a través dos que se analizarán as súas características e o aforro que supón para as explotacións.
Relacionadas:
-
A Deputación, con 40 proxectos en marcha, cumpre coa Axenda Europea 2030 para un desenvolvemento sostible
Por Redacción |
-
A Deputación obtén o certificado de xestión ambiental de AENOR
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación reactiva as obras nos ecocentros de xestión de residuos para a súa estrea no verán
Por Redacción |
-
A Deputación implanta un modelo propio de boas prácticas medioambientais
Por Redacción |
-
Deputación e CSIC impulsan un estudo sobre a biodiversidade e os produtos locais da provincia
Por Redacción |