O estado de alarma disparou máis dun 20% os usuarios dos servizos sociais de Poio
Por Redacción
O estado de alarma e o confinamento obrigado da poboación pola pandemia do coronavirus disparou os usuarios dos servizos sociais municipais de Poio, que durante o segundo trimestre deste ano 2020 prestaron axuda a 207 familias fronte ás 164 do primeiro trimestre.
A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Fernández, explica que o confinamento fixo que moita xente non puidese ir a traballar, o que supuxo unha merma nos seus ingresos e "isto afectou sobre todo ás persoas con menos recursos" e fixo aumentar o número de familias en risco de exclusión que precisaron axudas municipais.
Este incremento da demanda fixo que o Concello de Poio realizase un investimento superior as 25.000 euros nos últimos meses, fundamentalmente dirixido á compra de alimentos ou a dotación de cheques de compra, a través dos cales se adquirían alimentos frescos (como carne, peixe, froita ou verduras) e outros produtos de primeira necesidade.
Ademais, adoptáronse medidas como o pago de alugueres, recibos e medicamentos.
Segundo explicou a concelleira socialista, entre marzo e xuño tamén se percibiu un incremento no aumento de solicitudes da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), cuxa tramitación se pode realizar na Casa Rosada.
Neste aspecto, Rosa Fernández salienta que a día de hoxe xa se tramitaron 49 peticións, ás que hai que sumar outra media ducia que aínda están pendentes de resolución definitiva. Entre xaneiro e marzo, as solicitudes realizadas quedáronse en 42.
A Concellería de Benestar Social e Mocidade tamén organizou outras iniciativas pensando nas persoas maiores como o programa Saudemente. Dado que a súa actividade habitual nas diferentes parroquias de Poio tivo que suspenderse, desde o departamento apostaron por manter o contacto cos máis de 120 usuarios e usuarias enviándolles aos seus domicilios exercicios e pautas para que continuasen realizando as súas tarefas, deseños e debuxos.
A concelleira socialista explicou que enviáronse dúas quendas de sobres nestes meses e agora vaise enviar unha terceira nos vindeiros días. Ademais, tamén se lle fará entrega, casa por casa, dun detalle a todas as persoas inscritas en Saudemente, a maioría maiores de 80 anos, polo seu esforzo e comportamento exemplar amosado durante todo o confinamento: "estamos moi orgullosos deles e delas".