Servizos Sociais de Poio presta auxilio a preto de 300 familias en situación de risco
Por Redacción
Servizos Sociais de Poio leva investidos a finais de agosto preto de 35.000 euros no Fondo de Emerxencia Social, un diñeiro que permite auxiliar a aquelas familias que se atopan nunha situación de risco de exclusión social no municipio.
Ao redor de 300 familias están a percibir esta axuda por parte do goberno local, segundo afirma a concelleira de Benestar Social Rosa Fernández. Unha cifra considerable cando en abril eran só 80 as familas que se atopaban sen recursos e precisaban desta axuda.
En leste mesmo sentido, a representante municipal confirma que a contía investida ata o momento supón un notable incremento respecto a anos anteriores, debido á crise sanitaria e económica derivada da pandemia da Covid-19. A concelleira socialista apunta a que a cifra de investimento ata o de agora xa case iguala os 37.311 euros destinados durante 2019 ao Fondo de Emerxencia Social.
As previsións que manexa Benestar Social sitúan en 70.000 euros os investimentos que deberán realizarse en axudas para familias que o demanden debido á diminución de ingresos que afectou, sobre todo, a persoas con menos recursos. Hai que ter en conta que o orzamento inicial desta Fondo de Emerxencia Social era de 32.000 euros e foi incrementándose con diferentes modificacións de crédito e subvencións. Desta forma, o goberno local ha destinado esta mesma semana 7.000 euros de fondos inicialmente previstos para festas e actividade a estas axudas sociais. Tamén a Deputación de Pontevedra colabora nestes orzamentos destinando 8.500 euros.
Rosa Fernández indica que este diñeiro destínase á repartición de produtos de primeira necesidade para a vivenda coa compra de alimentos, dotación de cheques de compra para alimentos frescos, compra de medicamentos ou pago de recibos de aluguer ou electricidade, ademais de axudas para garantir que os menores conten con material escolar no inicio do curso.
Desde o departamento lémbrase que na Casa Rosada facilítanse tamén, vía telemática, a tramitación de solicitudes para obtención doutras axudas a familias nestas situacións de risco de exclusión social.
Relacionadas:
-
O pleno de Poio aproba a modificación orzamentaria para ampliar en 12.000 euros o Fondo de Emerxencia Social
Por Redacción |
-
Poio acomete tarefas de desinfección en Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
O estado de alarma disparou máis dun 20% os usuarios dos servizos sociais de Poio
Por Redacción |
-
O Concello de Poio repartiu 8.000 euros para axudar ás familias máis necesitadas
Por Redacción |