A Avenida dos Loureiros terá senda peonil e velocidade limitada a 20 km/h
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo actuará sobre a Avenida dos Loureiros, un dos principais accesos á praia de Canelas, onde a través dunha actuación de pintado que permitirá habilitar unha senda peonil e limitar a súa velocidade a 20 quilómetros por hora.
Tras estes traballos, este vial contará cunha senda de 1,80 metros de ancho nos tramos onde sexa posible para garantir a seguridade do peón.
Ademais, a senda delimitarase cunha liña vermella e pictogramas ao longo de todo o percorrido no que se habilitarán catro pasos de peóns.
A actuación tamén prevé o pintado de varias prazas de estacionamento nos tramos onde a avenida o permite e reordenar o espazo dos vehículos e peóns.
Os traballos na Avenida dos Loureiros seguirán a mesma filosofía e mesmo a mesma estética que a actuación realizada no vial de acceso a Fontoira desde a rotonda á vía rápida cunha senda peonil de case 500 metros.
Neste vial acordouse a eliminación de dobre sentido polo perigo que iso supoñía tanto para o tránsito peonil como para os vehículos e a aplicación de sentido ascendente para ofrecer unha alternativa de saída do municipio aos vehículos sen acceder ao centro urbano.
A senda está delimitada con cor vermella e pictogramas de peóns. Neste vial a velocidade limitarase a 30 quilómetros por hora.
O goberno local aplicará este tipo de senda con pictogramas e liña vermella na contorna do colexio da Florida. A contorna máis próxima ao centro educativo contará con velocidade limitada a 20 quilómetros por hora e no resto aplicarase a zona 30.
O pintado nesta zona respectará o cebreado en branco que xa está a delimitar a zona peonil, pero reforzarase coa liña vermella e os pictogramas.
Outra actuación de pintado afectará o aparcamento da Lanzada, un traballo moi demandado que se efectuará a próxima semana e co que quedarán delimitadas máis de 300 prazas de estacionamento.