Sanxenxo mellora os accesos ás praias de Canelas, Bascuas e A Granxa de Abaixo
Por Redacción
Reorganizar a zona de estacionamento e delimitar unha senda pola que os peóns poidan acceder á praia de maneira segura. É a actuación que o Concello de Sanxenxo está a realizar nos accesos ás praias de Canelas, Bascuas e A Graxa de Abaixo.
A actuación de seguridade viaria comezou na praia de Canelas co pintado dunha senda en vermello e branco, con pictogramas de peóns, que delimitan o espazo de circulación.
Este mesmo modelo xa se aplicou na Avenida dos Loureiros en Portonovo e no acceso a Fontoira desde a vía rápida e, segundo o Concello, está a dar moi bos resultados.
O acceso á praia de Canelas dotarase de nova iluminación con doce novos farois LED, renovando as seis existentes e colocando outras seis. O investimento ascende a 6.000 euros.
Tamén se realizou este pintado en Bascuas e reorganizáronse os aparcamentos e os accesos ao areal. Na Granxa de Abaixo actuarase este mércores habilitando a senda peonil e cambiando os aparcamentos.
Ademais, pensando na protección do peón e en mellorar a circulación na contorna dos areais, o Concello aplicará o sentido único nas actuais entradas e habilitará outra saída en Canelas e Bascuas para evitar o embude de vehículos en determinados momentos do día.
Estas actuacións enmárcanse dentro do plan de humanización e mellora da calidade urbana do municipio no que se prioriza a seguridade do peón e habilítanse espazos de convivencia segura. A velocidade reducirase nestas zonas a 20 quilómetros por hora.
Relacionadas:
-
A humanización da PO-308, desde A Granxa ata A Lanzada, entra na súa recta final
Por Redacción |
-
Os bañistas de Silgar 'escapan' das áreas parceladas
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Area de Agra estrea bandeira azul e Sanxenxo, un servizo de salvamento reforzado
Por Redacción |
-
A Avenida dos Loureiros terá senda peonil e velocidade limitada a 20 km/h
Por Redacción |