Sanxenxo habilitará un estacionamento para o Pazo de Quintáns
Por Redacción
Trinta e unha prazas para coches particulares e espazo para un autobús. É a capacidade que terá o aparcamento que o Concello de Sanxenxo habilitará no Pazo de Quintáns.
O estacionamento estará nunha parcela municipal duns 840 metros cadrados, situada nuns terreos anexos ao pazo que, unha vez completada a súa rehabilitación, será convertido nun museo gastronómico e enolóxico.
A posta a punto deste aparcamento contemplará o desmonte do peche de pedra e a demolición do firme actual. Os traballos prevén a roza da parcela, unha soleira de formigón e a pintura das prazas de aparcamento.
O goberno tamén actuará no xardín da contorna do pazo, neste caso para eliminar a maleza e plantas invasoras e trepadoras, plantar novas especies e realizar podas de conservación.
O proxecto contempla tamén a recuperación e posta en valor da fonte, a mesa e os bancos de pedra que se atopan no xardín.
O xardín, que ocupa uns 10.000 metros cadrados, dispón dun auténtico tesouro botánico con tanto valor como o propio edificio, que o goberno local proponse recuperar a medio prazo cun ambicioso proxecto.
Ademais de carballos, castiñeiros, enebros, loureiros, palmeiras, todo tipo de froiteiros e unha ampla variedade de arbustos e plantas, os xardíns contan con elementos arquitectónicos importantes como unha fonte, un gran hórreo, bancos e un muro de pedra de tres metros de alto que rodea a leira e que divide o seu interior en varias zonas.
Para realzar máis a beleza do espazo, o goberno local quere que o xardín dispoña dunha iluminación propia que permita gozar dun paseo polo exterior do inmoble durante as horas de menos luz e mesmo gozar das vistas desde a emblemática galería do pazo.
Relacionadas:
-
Avanza a recuperación do exterior do Pazo de Quintáns cun investimento por riba dos 600.000 euros
Por Redacción |
-
A Xunta colaborará co Concello de Sanxenxo na posta en marcha do Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Sanxenxo converte o Pazo de Quintáns no primeiro museo da cultura gastronómica das Rías Baixas
Por Redacción |
-
A Avenida dos Loureiros terá senda peonil e velocidade limitada a 20 km/h
Por Redacción |
-
O Pazo de Quintáns recupera a súa emblemática galería
Por Redacción |
-
Sanxenxo propón crear un museo de cultura gastronómica no Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
O Pazo de Quintáns, camiño de ser o centro organizador de propostas turísticas culturais en Sanxenxo
Por Redacción |