A Policía Local de Poio controlará o aforo e consumo de alcol e drogas nas cacharelas de San Xoán
Por Redacción
O Concello de Poio organizará un dispositivo especial de seguridade durante a noite de San Xoán, para velar polo cumprimento das directrices marcadas de cara ao prendido de cacharelas, que este ano, por motivo da crise sanitaria da Covid-19, non se poderá realizar en ningún espazo público, limitándose só ao ámbito privado.
A Concellería de Medio Ambiente tramitou 96 permisos para fogueiras en terreos de titularidade particular. O Goberno local lembra que, ademais de dar cumprimento ás habituais normas de seguridade, tamén é preciso respectar as condicións e requisitos esixidos polas autoridades pertinentes no que se refire a cuestións como o control de aforo e o distanciamento social que se manteñen vixentes nesta nova normalidade.
A Policía Local de Poio realizará roldas de vixía para detectar posibles irregularidades, facendo especial fincapé nas praias do municipio, así como en lugares como a contorna do peirao de Raxó, Lourido Sinás, incluindo zonas interiores como O Sartal.
Ademais, o corpo de seguridade municipal estará moi pendente de posibles fogueiras que se leven a cabo en terreos privados sen os pertinentes permisos. As persoas responsables destas cacharelas ilegais serán denunciadas. Tamén se pasará revista ás fogueiras que contan con autorización, para constatar que se da cumprimento ás directrices.
As cacharelas terán un volume de combustión que non poderá sobrepasar os oito metros de perímetro nin os tres de altura. A separación entre o lume e os inmobles e árbores será de 12 metros, tendo especial coidado en que as fogueiras non se sitúen baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.
Por outra banda, a Policía Local tamén activará un dispositivo para o control de aforo e ruídos en establecementos e desenvolverá controis de alcol e drogas. O Concello fai un chamamento á cidadanía para que goce desta máxica noite respectando os parámetros establecidos, a fin de garantir a seguridade e evitar aglomeracións.
Ademais das cacharelas, non se poderán realizar grelladas en sitios públicos, quedando só permitidas en establecementos hostaleiros que así o solicitasen previamente. No operativo tamén participará a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Relacionadas:
-
Entre banderillas, un bastón perigoso e un condutor á fuga: o San Xoán máis atípico de Poio
Por Redacción |
-
As Festas de San Xoán estenderanse por toda a parroquia
Por Oskar Viéitez |
-
Poio permitirá a realización de grelladas na noite de San Xoán aos hostaleiros
Por Redacción |
-
Comer sardiñas polo San Xoán terá premio nos establecementos de Poio
Por Redacción |