O Concello de Cuntis prevé unha boa ocupación turística para este verán
Por Redacción
O Concello de Cuntis xa está a posicionarse como un referente da oferta turística rural, cun servizo diversificado.
Así o demostran as cifras positivas de ocupación que os establecementos rexistran cada ano e que, neste 2020, a pesar da crise sanitaria da Covid-19, se manteñen en boa medida e permitirán dalgún xeito salvar o verán sempre e cando a pandemia o permita, xa que se poden producir cancelacións e cambios a última hora.
Máis aló das vacacións estivais que son a parte fundamental de cada tempada, outras actividades de tipo familiar e social que están cada vez máis en auxe son os aniversarios ou as festas entre amigos, que favorecen o crecemento económico de restaurantes e de establecementos da propia localidade.
En concreto, en Cuntis hai 9 casas rurais en funcionamento, tanto en réxime de aloxamento como de alugueiro vacacional, que se completan coa oferta de hoteis e pensións.
Ademais do reclamo das súas augas termais que cada ano atraen a centos de persoas, o municipio ten unha cantidade moi importante de recursos naturais, patrimoniais e de ocio activo, como rutas de sendeirismo de percorrido curto e longo, miradoiros naturais como o do Monte Xesteiras e As Tres Lagoinas e auténticos museos ao aire libre como o castro de Castrolandín e as igrexas rurais. A todo isto hai que sumarlle a riqueza gastronómica e o atractivo do casco urbano coa súa zona histórica.
O Concello de Cuntis, no marco das medidas de reactivación do tecido económico ante a crise sanitaria da Covid-19, activou a páxina web mercacuntis.com na que se pode atopar facilmente toda a información do sector turístico, hostaleiro e comercial, así como acceder a servizos e empresas. Tamén ofrece atención ao visitante na Oficina Municipal de Información Turística situada na Praza das Árbores e coa que se pode contactar a través do 986 532 424 e do enderezo electrónico turismo@cuntis.es.