Veciños de Forzáns evitan que arda a igrexa parroquial tras declararse un conato de incendio
Por Redacción
A rápida intervención dos veciños evitou que a igrexa parroquial de Forzáns ardese a primeira hora da mañá do sábado a causa dun posible curtocircuíto no velorio eléctrico do interior do templo.
Afortunadamente, antes de que o conato de incendio se estendese polo edificio, o encargado de coidar o templo observou como saía fume dende o interior, apresurándose a entrar pola porta lateral e sufocando o lume que se iniciara preto da porta principal da igrexa.
De inmediato mobilizáronse os veciños da parroquia procedendo a evacuar todos os santos, bancos, alfombras e demais obxectos do templo.
Este incidente prodúcese a poucos días das festas de Forzáns en honor a San Roque o próximo venres 16 de agosto.