Os veciños de Forzáns fan ofrendas a San Roque para agradecerlle que 'salvase' a igrexa dun incendio
Por Redacción
A Festa de San Roque tivo unha celebración moi particular este venres 16 de agosto na parroquia de Forzáns, en ponte Caldelas. Os veciños aproveitaron a festividade para facer unha ofrenda de produtos do campo ao santo en sinal de agradecemento por haber ter axudado a salvar a igrexa dun incendio que puido arrasar o templo, pero quedou nun conato.
A homenaxe inclúo unha procesión que os promotores cualifican como "emotiva" e a doazón a San Roque de "ofrendas do campo" para a súa posterior poxa.
Os actos enmarcáronse na celebración das festas da parroquia e con eles os veciños quixeron agradecer a "mediación" de San Roque no incendio do sábado 10 de agosto. Responsabilízano de "ter intervido, a través dun veciño que coida o ámbito da igrexa, para que tivese a necesidade de entrar no templo e descubrir a tempo o conato de incendio".
O lume produciuse nun velorio eléctrico do interior do templo a causa dun posible curtocircuíto. O encargado de coidar o templo observou como saía fume dende o interior, entrou pola porta lateral e sufocou o lume que se iniciara preto da porta principal da igrexa antes de que se estendese polo resto do edificio. De inmediato mobilizáronse os veciños da parroquia procedendo a evacuar todos os santos, bancos, alfombras e demais obxectos do templo.
A homenaxe produciuse pola mañá. A programación festiva continúa pola tarde coa celebración dun campionato de malla, xogos para nenos, inchables, un touro mecánico, a festa da escuma e a actuación do humorista Pepo Suevos. Pola noite está programada unha verbena A Cargo de Géminis e Los Quintelas.