Sae a licitación a xestión do quiosco da praia fluvial de Cerdedo, coa previsión a abrir o 15 de xuño
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de sacar a licitación o servizo de xestión e explotación do quiosco público da praia fluvial de Cerdedo, co obxectivo de abrir a tempada de verán e de baño nesta instalación municipal natural e ao aire libre a partir do vindeiro 15 de xuño.
O proceso de contratación para a apertura e funcionamento do quiosco ten aberta a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas ata o vindeiro mércores 10 de xuño, inclusive, e as propostas terán que cursarse exclusivamente por procedemento electrónico na Plataforma de Contratación do Sector Público. En caso de que algún interesado tivese dúbidas sobre esta cuestión pode solicitar máis información chamando ás sedes administrativas do Concello de Cerdedo-Cotobade nos teléfonos: 986 760001 (Carballedo) ou 986 753006 (Cerdedo).
Segundo informa o Concello, as propostas deberán incluír un canon mínimo de 150 euros, que será abonado pola adxudicataria antes da sinatura do contrato, o compromiso de apertura durante toda a tempada de verán ata o 30 de setembro e varios requisitos referidos á oferta económica, a memoria de prestación do servizo, a idoneidade do equipo de xestión e diversos criterios sociais, que son os catro eixos que baremará a mesa de contratación.
Tras este procedemento, o quiosco abrirá as súas portas durante 107 xornadas ininterrompidas, dende o 15 de xuño ata o 30 de setembro, e cun funcionamento que abranguerá como mínimo os sábados, domingos e festivos de 12.00 a 22.00 horas e sen sobrepasar en ningún caso as 23.00 horas para o peche. Ademais, a firma adxudicataria publicará a lista de prezos e asumirá as tarefas de conservación e limpeza do local.
Dende o Goberno local optouse por sacar adiante este servizo tendo en conta a reapertura da hostalaría no marco da desescalada e que ademais este espazo permite responder ás medidas e protocolos sanitarios, como é a distancia social.