Podcans volve ao que era a súa normalidade, a súa emisión en streaming os domingos ás 21.00 horas; e dispoñible en calquera momento a través do podcast.
Volta á normalidade, que neste contexto é motivo de alegría, pero nesta ocasión tamén conleva sentimentos atopados para o principal artífice deste programa de PontevedraViva Radio, o educador canino Diego Álvarez, quen durante o confinamento tivo que despedirse da súa compañeira canina 'Bella'.
Así que, este primeiro programa de regreso, ten como protagonista a 'Bella', á que adoptaba sendo xa adulta na protectora de Cambados. Os traballos en positivo dos que Diego Álvarez vén falando nos capítulos previos, foron aprendidos - mutuamente - tras esa adopción. Como explica, cando 'Bella' saíu da protectora,' resultado da súa falta de socialización tiña condutas agresivas e sinais de estrés.
Eses comportamentos cambiaron radicalmente cando comezaron a desenvolver eses métodos en positivo. "foi a mellor compañeira de aprendizaxe para outros cans", sinala Diego, apuntando o vínculo e a confianza que mantiveron ata que hai mes e medio falecía.
Con tal motivo tamén, a experiencia que explica en Podcans pode servir para quen teña que facer fronte a ese momento e tomar a decisión de practicar unha eutanasia ante a falta de calidade de vida que evidenciou 'Bella'.
Nos últimos minutos do programa, lembramos a constante presenza que os cans tiveron durante as semanas de confinamento; así como na progresiva desescalada e falamos da recente campaña do Concello de Pontevedra instando os comportamentos cívicos cando se sae á rúa cos cans.