Conclúen as obras de creación do humidal artificial ecolóxico de Paraños que depurará augas residuais
Por Redacción
Paraños, na parroquia de Carballedo, xa conta cun novo sistema de estación depuración de augas residuais (EDAR). Trátase dun humidal artificial subsuperficial con características ecolóxicas onde se tratarán verteduras de orixe doméstica de 150 persoas residentes nesa contorna.
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, visitaba este mércores as instalacións que están pendentes da estrutura eléctrica para que comece o seu funcionamento. Cubela afirma que esta iniciativa supón un reto construtivo que conta cun baixo investimento e con escasos custos de mantemento en pequenos núcleos de poboación, como é o caso de Paraños.
É un espazo que reproduce, de maneira controlada, os procesos de depuración que se rexistran nos humidais naturais. Segundo Cubela é inocuo e non se engaden produtos químicos de maneira habitual, de maneira que se producen poucos lodos e a súa xestión resulta moi económica. O consumo enerxético é moi reducido, non xera mal cheiro nin a presenza de insectos, ademais de que se integra na paisaxe, expón o alcalde.
Este sistema conta cun orzamento de 60.000 euros e atópase nunha parcela de 1.256 metros cadrados. Neste espazo construíuse un tanque séptico con capacidade para 30.000 litros e un humidal artificial de 99 metros con aireación forzada. Dispón de pozos de rexistro, arquetas, tubaxes, peche perimetral e aparcamento.
A execución do proxecto atrasouse uns meses por un cambio técnico para facilitar a entrada das augas da rede de saneamento na depuradora, ademais de por a crise xerada pola pandemia da Covid-19.
Unha vez estea dispoñible publicarase un bando informativo sobre o proceso para que se enganchen os residentes na zona. Esta nova EDAR, segundo Jorge Cubela, é pioneira en Galicia e utilízase en países europeos como Francia con éxito.