O saneamento de Parañós xa se trata a través dun innovador humidal artificial
Por Redacción
O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade xa puxo en marcha o sistema de depuración que tratará as augas residuais do núcleo de Parañós, en Carballedo. Trátase do humidal artificial creado para eliminar os focos contaminantes procedentes das vivendas do lugar.
Para o seu óptimo funcionamento, os veciños de Paraños deberán solicitar a conexión á rede municipal de sumidoiros nas oficinas municipais, mediante o sistema de comunicación previa e o abono da taxa correspondente.
Unha vez concluído este proceso, os servizos municipais procederán á comprobación da conexión de cada vivenda á rede municipal, iniciándose o expediente correspondente daqueles inmobles que non estean conectados de xeito legal.
"É mellor que todo o mundo colabore e evitar así que os servizos municipais teñan que facer inspeccións e abrir expedientes a aqueles veciños que incumpran a obriga de conectarse á rede de sumidoiros", indicou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.
Os humidais artificiais son sistemas de depuración nos que se reproducen os procesos de tratamento de auga, en concreto, de redución de contaminantes nos humidais naturais.
Pertencen ás denominadas tecnoloxías non convencionais, ou de baixo consumo de tratamento de auga residual que están a implantarse en numerosos municipios de España.
A idea fundamental é que carbono, fósforo e outros metais pesados queden inmobilizados no sedimento do humidal de maneira permanente, depurando a auga e filtrando os refugallos nun espazo reducido e controlado.
Relacionadas:
-
Sae a contratación pública a construción da EDAR con humidais artificiais de Quireza
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade chama a legalizar as traídas de auga do municipio
Por Redacción |
-
Conclúen as obras de creación do humidal artificial ecolóxico de Paraños que depurará augas residuais
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade creará un humidal artificial ecolóxico como sistema de depuración de Paraños
Por Redacción |