Comeza a obra de substitución do colector de drenaxe na PO-551 en Bueu
Por Redacción
A Xunta de Galicia comezaba este martes os traballos de substitución do colector de drenaxe na estrada PO-551, ao seu paso pola parroquia de San Martiño en Bueu.
O xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra, José Luis Díez, e o xefe da Axencia de Infraestruturas provincial, Manuel González Juanatey, acompañados do alcalde da localidade, Félix Juncal, e da portavoz popular, Elena Estévez, asistían ao inicio dunhas obras que teñen coma obxectivo corrixir a descomprensión do recheo que provocou un descenso da rasante do carril esquerdo que ameazaba con xerar problemas nesta estrada.
Unha vez substituído o colector de drenaxe, procederase á súa conexión á rede, recentemente renovada. Segundo informan desde a delegación territorial da Xunta en Pontevedra, no ano 2018 foi necesario acometer unhas obras de reparación neste punto da estrada debido á acción erosiva do río Loureiro, que está canalizado augas arriba desta estrada a través dun colector en mal estado de conservación, que provocou a descomprensión do terreo.
Para solucionar esta situación foi necesario demoler a beirarrúa e os firmes sen apoio afectados así como canalizar o río augas arriba do pozo de rexistro e reconstruír este pozo, repoñendo o recheo, os servizos afectados e os firmes e pavimentos.
Posteriormente detectáronse subidas do nivel freático nun soto do inmoble ao carón de onde se executaron as obras, motivo que levou á posta en marcha dos traballos que veñen de comezar.
Debido ao feito de que o vial sobre o que hai que realizar as obras conta cunha elevada intensidade media de tráfico, xa que é o que une Bueu e Cangas pola estrada do interior, optouse por un sistema de perforación horizontal para solucionar o problema sen ter que volver a abrir gabias nun tramo sobre o que se actuou fai menos de dous anos.
Este sistema permite a realización dunha sondaxe para a instalación de tubaxes subterráneas, mantendo a traxectoria da perforación. O obxectivo é executar unha perforación horizontal ata o punto previsto de saída e realizar progresivos ensanches ata alcanzar o diámetro final. Finalmente, introdúcese a tubaxe e lévase, mediante o tiro da máquina de perforación, ata o punto de saída.
O orzamento destes traballos, que teñen un prazo de execución dun mes, rolda os 30.000 euros co IVE.
Relacionadas:
-
Bueu estuda mellorar a rúa Pazos Fontenla en colaboración con Augas de Galicia
Por Redacción |
-
Comezan as obras para mellorar a seguridade na PO-551 entre Bueu e Marín
Por Redacción |
-
A Xunta convoca aos afectados polas expropiacións da PO-551
Por Redacción |
-
A Xunta reactiva a tramitación das obras no Tramo de Concentración de Accidentes de Bueu
Por Oskar Viéitez |
-
Outra fuga de auga na tubaxe que abastece a Marín
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez |