Sete empresas optan a crear o núcleo de centralidade de Tomeza
Por Alejandro Espiño
Ata sete empresas presentaron as súas ofertas para crear o núcleo de centralidade parroquial de Tomeza. O proxecto, valorado en algo máis de 588.000 euros e que está financiado con fondos europeos, prevé actuacións en Casal do Río e no ámbito do local social de Lusquiños
As empresas que se presentaron a esta licitación son Caldevergazo, Fechi, Oresa, Narom, Prace, COVSA e Elsamex. As súas ofertas será valoradas nunha mesa de contratación que se celebrará este martes no Concello de Pontevedra.
Segundo consta no proxecto, en Casal do Río está previsto mellorar o parque e as instalacións deportivas reformando o peche perimetral, ordenando as pistas e instalando o mobiliario preciso, entre outros elementos, con porterías e canastras.
Tamén está contemplado reformar a zona de recreo coa instalación de espazos de merendeiro e o acondicionamento da parcela arborada, diferenciar visualmente a estrada e sinalizar o estacionamento e parada do autobús.
Na contorna do local social de Lusquiños, pola súa banda, tamén se mellorará o peche perimetral e pavimentarase o acceso con usos diferenciados: haberá un acceso peonil ao centro cultural e unha segunda entrada de pedra do país no que poderán estacionar vehículos.
Ademais, aproveitarase un desnivel do terreo para crear un banco corrido, que estará conectado coa parte baixa da parcela cunhas escaleiras e unha rampla.
O proxecto inclúe a mellora da parte baixa da parcela con xabre consolidado onde se instalará unha churrasqueira e mellorarase o espazo infantil e toda a accesibilidade da parcela.
Esta actuación era moito máis ambiciosa e incluía tamén melloras en San Pedro e San Cibrán, pero estas dúas intervencións recibiron o informe en contra da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que obriga a unha intervención arqueolóxica de maior envergadura.
Ante esta situación e dado que a obra se financia con fondos europeos que precisan dunha xustificación temporal moi axustada, o Concello actuará nestes dous ámbitos con fondos propios e atendendo aos tempos que requiren as esixencias da Xunta.
Relacionadas:
-
A mellora dos núcleos de Casal do Río e Lusquiños estará rematada a principios de 2021
Por Alejandro Espiño |
-
Saen a licitación dúas obras en Tomeza
Por Oskar Viéitez |
-
San Cibrán queda sen romaría pero segue espantando o 'meigallo'
Por María José Pita |
-
Patrimonio non autoriza o proxecto para mellorar o ámbito de San Cibrán
Por Redacción |