Patrimonio non autoriza o proxecto para mellorar o ámbito de San Cibrán
Por Redacción
A mellora de San Cibrán e de San Pedro terá que esperar un pouco máis. A necesidade, segundo Patrimonio, de realizar unha serie de intervencións arqueolóxicas na contorna da capela fixo que a Xunta de Galicia non autorizase o proxecto presentado polo Concello de Pontevedra.
Esta actuacións, incluídas no proxecto de centralidade parroquial de Tomeza, ían ser financiadas cos fondos europeos FEDER e, ademais de San Cibrán, tiña previsto actuar noutros dousámbitos da parroquia: a contorna do local social de Lusquiños e a zona de lecer e deportiva de Casal do Río (O Alcouce).
Ante esta situación e dado que a obra financiaríase con fondos europeos que esixen unha xustificación temporal moi axustada, o Concello acordou aprazar este proxecto e retirarlle o financiamento europeo para trasladar este investimento, próxima a 500.000 euros, a Marcón.
O Concello asegura que non renuncia a actuar nestes dous ámbitos pero xa sería con fondos propios e atendendo aos tempos que requiren as esixencias da Xunta.
O proxecto de actuación de Tomeza tiña unha contía de 1.030.567 euros e actuaba nunha superficie global de 12.713 metros cadrados.
No que respecta a a igrexa de San Pedro de Tomeza, o proxecto incluía a sinalización de máis de 50 prazas de estacionamento, a limpeza e rexeneración da zona verde, a consolidación dos muros e das ruínas da antiga casa reitoral, a conservación da cuberta do alpendre e a mellora do acceso peonil a este recinto.
Sobre o ámbito da capela de San Cibrán, a actuación consistía en limitar o acceso de vehículos á capela, a delimitación do espazo do atrio onde se celebra a festa, a demolición do palco existente e consolidación estrutural do miradoiro eliminando certos elementos que son un perigo para as persoas.
Os proxectos que si se manteñen dentro dos fondos FEDER son o do parque e as instalacións deportivas de Casal do Río, onde está previsto mellorar o peche perimetral, ordenar as pistas deportivas e instalar mobiliario, mellorar a área de recreo con espazos de merendero, diferenciar a estrada e sinalizar o estacionamento e parada do autobús.
Na contorna do local social de Lusquiños tamén se mellorará o peche perimetral, pavimentarase os accesos e aproveitarase un desnivel do terreo para crear un banco corrido, que estará conectado coa parte baixa da parcela cunhas escaleiras e unha rampla.
Tamén se mellorará a parte baixa da parcela con xabre consolidado onde se instalará unha churrasqueira, mellorarase o espazo infantil e toda a accesibilidade da parcela.
O PROXECTO DE MARCÓN
A metade do investimento do proxecto de Tomeza destinarase a conformar e consolidar o núcleo de centralidade de Marcón, creado ao redor da casa parroquial, onde se atopan os distintos campos da festa.
Entre as actuacións previstas está a repavimentación da contorna do campo da festa, facer un tratamento de consolidación do firme no ámbito de propiedade municipal, canalizar as augas pluviais e crear unha senda que conecte a casa parroquial coa igrexa a través do paso de peóns.
Ademais, inclúese mellorar a conexión cos lugares de Valadares e O Carrasco a través dunha vía moi estreita, polo que se lle dará só preferencia peonil con acceso aos vehículos agrícolas que atenden ás leiras; e renovar a conexión cos lugares de Sabarís e Pintos.
O Concello solicitará tamén á Deputación e á Xunta a colaboración en vías e espazos da súa propiedade: no acceso ao Campiño, no primeiro caso; e na pavimentación do estacionamento da casa da parroquia, no segundo.
Relacionadas:
-
A mellora dos núcleos de Casal do Río e Lusquiños estará rematada a principios de 2021
Por Alejandro Espiño |
-
Sete empresas optan a crear o núcleo de centralidade de Tomeza
Por Alejandro Espiño |
-
Saen a licitación dúas obras en Tomeza
Por Oskar Viéitez |
-
Deseñan unha "ambiciosa" remodelación de todo o ámbito de San Cibrán
Por Alejandro Espiño |
-
10 proxectos que se farán en Pontevedra, haxa fondos europeos ou non
Por Redacción |