Cancélanse as celebracións patronais de San Antón e Santa Bárbara e a Festa do Requeixo
Por Redacción
A Festa do Requeixo, que neste 2020 chegaría á súa 41 edición, suspendeuse para evitar riscos entre os asistentes con motivo da alerta sanitaria. A Asociación Amigos da Festa do Requeixo da Corredoira, que organizaba esta cita gastronómica anual, tamén comunicaba ao Concello de Cerdedo-Cotobade a cancelación das festas patronais de San Antón e Santa Bárbara, que coincidían durante a terceira semana de xuño en Corredoira.
Moisés Fraguas, presidente da Asociación, afirma que a situación sanitaria actual continúa sendo "delicada" e por este motivo a organización decidía suspender as festas apelando á responsabilidade social para preservar a saúde dos asistentes e por solidariedade con todas aquelas persoas que perderon a algún familiar ou persoa achegada.
A Festa do Requexio da Corredoira é a segunda máis celebración máis antiga do Concello de Cerdedo-Cotobade. Desde 1980 desenvolvíase todos os anos de maneira ininterrompida. Neste evento repartíanse medio milleiro de pezas artesanais de requeixo elaboradas pola veciñanza da parroquia e que se vendían por pezas e racións, que se degustaban acompañadas de licor, mel ou azucre.
Desde o Concello apóiase esta decisión, que segue a recomendación do goberno local na que se solicitaba a suspensión de todas as actividades multitudinarias durante os meses de maio e xuño organizadas por asociacións.