A rúa Concepción Arenal dispón xa de dobre sentido de circulación
Por Oskar Viéitez
A rúa Concepción Arenal de Ponte Caldelas conta dende este venres con dous carrís de circulación, o que permite entrada e saída de vehículos polo vial. Nas últimas horas realizouse o pintado das marcas viais que sinalizan os dous carrís de circulación, as liñas de xiro na glorieta do Chafarís e as marxes da Praza de Placeres Castellanos Pan. Tamén se colocaron balizas para sinalizar a prohibición de aparcar nas marxes da rotonda e na entrada á rúa Concepción Arenal dende a Avenida de Pontevedra.
Esta medida estaba previsto poñela en marcha coa apertura do aparcamento central (situado detrás da Ludoteca e coa tramitación xa moi avanzada) pero o Concello de Ponte Caldelas decidiu adiantala con motivo do Covid-19.
O mesmo ocorre co peche da Praza de España polas tardes, as fins de semana e os festivos todo o día, os coches poderán circular de luns a venres de 07.00 a 14.00 horas.
Trátase así de mellorar os accesos á vila e facilitar as compras no comercio de Ponte Caldelas, onde se conta con moitas prazas de aparcamento próximas á zona comercial e onde se instalaron tres fontes desinfectantes con xel hidroalcólico.