Así abrirá ao público a sede da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A partir deste luns comeza o proceso de recuperación da actividade na Deputación de Pontevedra, que afecta tanto á organización interna do traballo como á atención ao público.
Deste xeito, o 1 de xuño, aínda que se seguirán recomendando os medios telemáticos, se reabrirá a atención presencial ao público, a través dun sistema de cita previa, e comezará de forma progresiva a reincorporación do persoal traballador da institución provincial .
O plan, segundo detallou a presidenta Carmela Silva, inclúe cuestións relativas á organización do traballo, itinerarios e percorridos a realizar nos diferentes espazos da Deputación, delimitación de fluxos de movemento e uso de espazos e atención ao público. Trátase dun programa progresivo que se irá modificando en función da evolución da realidade e das normas que vaian aprobando as diferentes administracións, sempre atendendo á saúde e seguridade das persoas.
En canto ao persoal, que fichará ben con tarxeta (pero sen pegada dactilar para evitar contaxios) ou a través do ordenador, comezará a reincorporarse este luns. Neste eido, o goberno provincial, en colaboración cos sindicatos, determinou diferentes modalidades de traballo (presencial, en remoto, parcialmente remota ou mixta). Tamén cuestións relativas á flexibilización do horario de traballo, para evitar aglomeracións nas entradas e saídas, establecemento de quendas rotatorias, e fluxos de movemento a través de planos que determinan os percorridos de entrada e saída a realizar.
Ademais, estudáronse os espazos públicos e oficinas de todos os edificios para garantir a distancia de dous metros de seguridade que, de non ser posible, contarán con mamparas de separación.
No interior das dependencias da Deputación de Pontevedra intensificaranse as medidas de hixiene, limpeza e desinfección e todo o persoal contará con medidas de protección individual: mascarillas, luvas e xel hidroalcohólico. "Temos xa todo ese material para un ano", asegurou a presidenta.
No que respecta á atención ao público, tamén recupera desde o luns o xeito presencial, aínda que cun sistema de cita previa a través da sede electrónica da Deputación. Trátase dun sistema, destacou Carmela Silva, "moi sinxelo, parecido ás citas médicas que pedimos por Internet", que asigna día e hora dentro dos tramos escollidos polas persoas usuarias.
Independentemente de que continuará a atención telefónica e telemática da veciñanza, as persoas que acudan ás dependencias da Deputación de Pontevedra atoparanse, tal e como detallou a presidenta, con "medidas de seguridade moi exhaustivas". Terán que acudir con mascarilla, de xeito obrigatorio, e pasarán por alfombras de desinfección do calzado e controis de medición de temperatura. Unha vez nos edificios, as persoas usuarias terán á súa disposición atención personalizada que as dirixirá ao lugar ao que queren encamiñarse garantindo o cumprimento das medidas de seguridade.
Relacionadas:
-
Os concellos da provincia contarán cun servizo de cita previa grazas á plataforma informática da Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación reorganiza o traballo interno e xa ten todo listo para atender ao público
Por Oskar Viéitez |
-
Príncipe Felipe artella un plan específico para as visitas familiares
Por Oskar Viéitez |