Os socialistas esixen á Xunta un fondo de 300 millóns de euros para os concellos
Por Redacción
Ante unha Xunta de Galicia que ven "acuartelada", os socialistas de Pontevedra esixiron ao goberno galego que "alivie o peso" que os concellos soportaron durante a xestión da crise sanitaria do coronavirus e cre un fondo extraordinario de 300 millóns de euros.
Este diñeiro, segundo o secretario xeral do PSdeg-PSOE en Pontevedra, David Regades, debe servir para compensar a "auténtica sangría económica" que os municipios están a sufrir por abordar cuestións que non son da súa competencia.
"Non pode ser que os municipios estean a afrontar en solitario os gastos extraordinarios desta crise", sinalou Regades, que destacou que o "único auxilio económico" para eles chegou desde a Deputación de Pontevedra.
A xuízo do dirixente socialista, a "pinga que colmou o vaso da paciencia" dos alcaldes é que os 17 millóns do fondo social extraordinario transferidos polo Goberno a Galicia están "nun caixón" da Xunta e só repartirá "esmola" entre os concellos.
Son os entes municipais, segundo David Regades, os que están a repartir máscaras de protección, realizando traballos de desinfección, repartindo ordenadores, aprobando medidas de apoio económico a comerciantes e autónomos, conxelando taxas ou asumindo servizos á cidadanía que non son da súa competencia.
"A Xunta limítase a gastar diñeiro en publicidade e trucos", afirmou o responsable do PSdeG-PSOE en Pontevedra, que alerta que aos alcaldes "non lles dan os números" e que lles resulta "imposible" rebaixar a fiscalidade sen comprometer o seu equilibrio económico.
Regades asegura que os concellos están "máis espremidos que nunca" e están a facer "cousas inimaxinables" para saír adiante, mentres a Xunta de Galicia "segue coas portas e xanelas pechadas, o aire acondicionado a lume de biqueira e á súa cantilena burocrática".
Relacionadas:
-
Caballero impulsará as políticas sociais fronte os "recortes e inacción" de Núñez Feijóo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os socialistas de Pontevedra acusan a Feijoo de aproveitar a pandemia para precarizar o traballo dos sanitarios
Por Redacción |
-
Así votaremos o próximo 12 de xullo
Por Redacción |
-
O PSOE quere coñecer o protocolo desta área sanitaria ante un rebrote da Covid-19
Por Oskar Viéitez |