Despedimentos, baixas e vacacións sen cubrir deixan "sobrecarga" de traballo a traballadores de Limpisa na Xunta
Por Natalia Puga
En febreiro saltaba a noticia e empezaban as concentracións de traballadores e delegados sindicais de UGT. Limpisa-Grupo Norte despedira tres traballadoras que realizaban o servizo de limpeza no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra. Dúas delas son viúvas do accidente ferroviario con tres falecidos nun paso a nivel de Valga e no momento de ser despedidas, o 1 de febreiro, encontrábanse de baixa laboral. Seis meses despois, seguen as protestas, non foron readmitidas como piden os seus compañeiros e os que seguen traballando na empresa enfróntanse agora a unha "sobrecarga" de traballo.
O secretario comarcal de UGT en Pontevedra, Ramón Vidal, participou este xoves na protesta organizada ás portas da Xunta. Xa van oito concentracións e as súas demandas seguen sen resposta, máis ben, todo o contrario, a medida que pasan os meses ten máis reclamacións. Aos tres despedimentos referidos únese que a empresa non cobre as baixas laborais nin vacacións e dos 22 empregados iniciais que limpitaban as instalacións só están a traballar agora 12. "Para facer o mesmo traballo", denuncia Vidal Trillo.
Ao respecto, explicou que actualmente hai seis persoas de vacacións e unha de baixa e non se cubriu ningún dos traballadores ausentes a pesar de que "hai que limpar o mesmo edificio, non é máis pequeno porque haxa xente de vacacións".
Engadiu que o xuízo polo despedimento dunha das empregadas se celebrou xa o 5 de xullo no Xulgado do Social número 1 de Pontevedra, pero aínda están pendentes de que se dite sentenza. A segunda vista oral fixouse no mesmo xulgado para o próximo 5 de setembro.
Ante esta situación, volveron concentrarse e anuncian que reiterarán as protestas ata que obteña resposta ás súas demandas. Á empresa pídenlle que readmita as dúas traballadoras despedidas e que cubra as baixas e vacacións para evitar o sobreesforzo dos que seguen traballando.
Á Xunta de Galicia reclámanlle que esixa a Limpisa o cumprimento das condicións polas que se lle adxudicou o servizo de limpeza da Xunta, pois "cobran como se traballaran 22 persoas e teñen case a metade, iso a Xunta ten que controlalo".