Greenpeace sitúa Sanxenxo no top 25 dos municipios costeiros máis destruídos de España
Por Redacción
Sanxenxo sitúase entre os 25 municipios máis destruídos de España segundo o informe Destrucción a toda costa 2013 recén elaborado pola asociación ecoloxista Greenpeace. ÿ o único concello galego que entra nesa lista.
O colectivo identificou os 25 municipios peores do Estado a partir de distintas variables analizadas. Entre elas, a maior superficie absoluta artificial, a maior superficie artificial na franxa dos primeiros 500 metros respecto ao total do municipio, os que máis rápido creceron e os que antes deixarían de ter chan natural.
De Sanxenxo destacan, en concreto, a "gran presión urbanística" sobre unha parte do litoral que se traduciu na invasión do dominio público marítimo-terrestre" e que "se realizaron varios deslindes, que ao non se finalizar nun tempo razoable, permitiron que os límites da zona de servidume de protección non estivesen claros".
Segundo o informe, esta situación descrita "provocou unha gran desorde urbanística" e recordan que "construtoras como Construcuatro, do deputado e exalcalde Telmo Martín, foron multadas por invadir a praia".
Dos 25 municipios litorais do Estado que sucumbiron máis á burbulla inmobiliaria, Greenpeace destaca os dez peores, un Top 10 da destrución no que non hai municipios galegos: Calp (Alicante), Calvià (Mallorca), Chiclana de la Frontera (Cádiz), Cubelles (Barcelona), Oliva (Valencia), Oropesa (Castellón), San Bartolomé de Tirajana (Gran Canaria), Sant Josep de sa Talaia (Ibiza), Vera (Almería) e Zierbena (Bizkaia).
Greenpeace fai un balance tamén da nova Lei de Costas e critica que "lonxe de fortalecer a protección do litoral, permite novas formas de explotación". A costa, que na anterior lei se contemplaba como un recurso natural finito, "transfórmase neste novo texto nunha superficie de desenvolvemento económico".
Dentro deste panorama pesimista, o colectivo, tamén ve esperanza e sinala que "aínda existe unha oportunidade se se empezan a tomar medidas municipio por municipio". Greenpeace propón que os municipios deben declararse insumisos na aplicación da nova Lei de Costas e a UE debe parar esta nova Lei.