Pontevedra aprobará un novo convenio para o mantemento do albergue de San Javier
Por Redacción
A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, levará este luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación o convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra e Cáritas Interparroquial para o desenvolvemento do servizo de aloxamento temporal de persoas sen fogar e en situación de emerxencia social no albergue de San Javier (situado na rúa Irlanda).
En base ao acordo, a Administración municipal destinará este ano unha achega económica de 31.000 euros a esta liña de cooperación entre a institución e a área de Servizos Sociais, que inclúe estadía, almorzo e cea por un período limitado de tempo.
O servizo está destinado a aquelas persoas maiores de 18 anos que se atopen sen teito ou de paso nesta cidade e que debido ás súas circunstancias socioeconómicas non teñen a posibilidade doutro tipo de aloxamento e non poden ser atendidas doutro xeito.
Paloma Castro explica que este programa oferta ademais alternativas de promoción e inserción social aos usuarios acollidos que o demanden, informándolles sobre os Servizos Sociais existentes e colaborando estreitamente con eles e co resto de dispositivos doutras administracións e/ou institucións que traballan no eido da exclusión social.
A estadía no albergue de San Javier ten unha duración máxima de 21 días, podendo ampliarse excepcionalmente a criterio da entidade en función das circunstancias persoais de cada persoa. Para a ampliación será condición necesaria e imprescindible unha valoración previa da súa situación persoal feita pola traballadora social asignada ao albergue, así como un deseño do proxecto individual de intervención, onde quedarán reflectidos os obxectivos esixibles ao usuario, que se lle sinalan mensualmente. O tempo de permanencia no albergue virá dada polo cumprimento dos obxectivos.
O Concello terá sempre cinco prazas dispoñibles para as derivacións feitas polos Servizos Sociais municipais, agás circunstancias excepcionais (como no caso de que o albergue teña todas as prazas ocupadas). Para volver utilizar este servizo deberán ter transcorrido, con carácter xeral, dous meses dende a anterior estadía.
O albergue oferta aloxamento e media pensión (almorzo e cea), servizos hixiénicos e roupeiro de emerxencia toda a semana, permanecendo aberto tódolos días ano. O horario de entrada nas instalacións da rúa Irlanda é de 19:00 a 22:00 horas e o de saída ás 9:00 horas. Quedan exentos deste réxime de horario de entrada as emerxencias derivadas da Policía Local. O albergue ten que levar un libro de rexistro de ingresos e saída das persoas usuarias do mesmo e garantir a existencia e cumprimento dun protocolo de derivación en materia sanitaria.
Os vales que dan acceso ao centro serán expedidos nas oficinas de Cáritas Interparroquial, en horario de 9.30 a 12.30 horas, e serán estendidos previa valoración da traballadora social, ou fóra deste horario directamente no albergue tódolos días a partir das 19.00 horas. A traballadora social atenderá nas oficinas de Cáritas en Pontevedra de luns a xoves entre as 9:30 e as 12:30 horas, e os venres ás 8.00 horas no propio centro.
UNHA OFERTA DE ATA 20 PRAZAS
Tal e como lembra a edil de Benestar Social, dadas as características da infraestrutura do centro, a súa utilización é exclusivamente masculina, se ben "Cáritas ofertará aloxamento alternativo noutras dependencias ou instalacións a aquelas mulleres que se atopen nos supostos de necesidade e cumpran os mesmos requisitos de acceso sinalados para os homes". "O albergue de San Javier conta con persoal moi preparado e cunha oferta de ata 20 prazas, dispoñendo de duchas, cociña, comedor, sala de estar/comedor, consigna, roupeiro de emerxencia e despacho de administración (traballadora social/dirección)", sinala Paloma Castro.
O equipo humano está composto por traballador social, gobernante, cociñeiro e dous vixilantes nocturnos en quendas. Ademais poden colaborar co albergue os voluntarios que Cáritas considere convinte.
Relacionadas:
-
Aprobado o convenio municipal para financiar o albergue de Calor e Café
Por Oskar Viéitez |
-
Dous de cada tres usuarios dos albergues durante o estado de alarma levan máis de 3 anos vivindo na rúa
Por Redacción |
-
Os efectos da pandemia e o estado de alarma disparan os usuarios do centro de Rexurdir ata 30 diarios
Por Redacción |
-
Preocupación entre as entidades sociais de Pontevedra polo aumento da demanda de alimentos
Por Oskar Viéitez |