As entidades sociais de Pontevedra están preocupadas polo aumento da demanda de alimentos

Por Oskar Viéitez
As principais entidades e organizacións sociais de Pontevedra transmitíronlle ao Concello a súa preocupación ante o incremento das situacións de necesidade que trouxo consigo a crise sanitaria da Covid-19, en especial no que atinxe á demanda de alimentos.
Por este motivo, a concellería de Benestar Social, que dirixe a edil Paloma Castro, estase a coordinar cos colectivos de cara a deseñar un plan de resposta que se sincronice coas demandas que xurdan nas diferentes fases da desescalada.
Así o acordaron nunha reunión telemática na que, ademais da propia Paloma Castro; o xefe do Servizo de Benestar Social, Carlos Muiños; a actual responsable das traballadoras sociais, Ángeles Torres, e a monitora-educadora Patricia González, coordinadora dos albergues do Multiúsos da Xunqueira e Raíña da Paz, tamén participaron representantes de Cáritas, Calor e Café, Club de Leóns, San Francisco, Cruz Vermella e as fundacións Meniños e Secretariado Gitano.
Tal e como explicou a concelleira socialista ao remate do encontro, "estamos a prepararnos para un aumento da demanda de recursos sociais e cómpre estar máis coordinados que nunca", polo que teñen previsto "manter unha reunión cada vez que se cambie de fase da desescalada, de xeito que poidamos afrontar cada unha coas súas necesidades e particularidades".
A seguinte reunión será a semana do 11 maio, coincidindo co comezo da Fase 1.
A edil do PSOE constata que "o maior incremento de demanda estase a dar no que atinxe a alimentos e outros artigos de primeira necesidade", cunha ampliación xeralizada de usuarios neste eido e mesmo con moitos cidadáns que veñen a recoller para repartir entre outras persoas que o precisan.
A concelleira ven de asinar esta mesma semana a renovación do contrato co restaurante O Roxo para que durante o mes de maio continúe a ofrecer menús aos nenos de Servizos Sociais que quedaron sen comedor escolar por mor do inicio do estado de alarma (contratación para que se destinou unha achega económica de case 10.000 euros).
Relacionadas:
-
Benestar Social prevé aplicar accións e axudas específicas nos barrios máis vulnerables de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra aprobará un novo convenio para o mantemento do albergue de San Javier
Por Redacción |
-
A crise provoca que máis de 200 persoas se acheguen a diario ao comedor de San Francisco
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A empresa Idades entrega unha tonelada de alimentos á Cruz Vermella de Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O comedor de San Francisco recibe produtos do agro a través da rede de Mercaproximidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Benestar Social aumenta a partida económica destinada a Axudas de Emerxencia Social en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Deputación axiliza os pagos das subvencións a asociacións e ONG en apoio aos máis vulnerables
Por Redacción |
-
Os psicólogos do Concello de Pontevedra fan un seguimento a 2.000 maiores que viven sós
Por Redacción |
-
Armadores do Gran Sol entregarán 400 quilos de peixe semanais ao Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos recibe tres toneladas de alimentos da Coordinadora de Peñas Taurinas
Por Marisa Ciordia |
-
Medio milleiro de pontevedreses reciben alimentos na porta das súas casas
Por Redacción |