Aprobada a ampliación do espazo para terrazas en Poio
Por Redacción
Este mércores aprobábase por parte da Xunta de Goberno o documento que permitirá a ampliación do espazo para terrazas de establecementos hostaleiros e de restauración.
Estas medidas excepcionais e de carácter temporal analizáronse previamente con profesionais do sector. A duración desta ampliación será mentres se manteña o estado de alarma e continúe o proceso de desescalada.
Durante este proceso, polo momento, só se permite a utilización do 50% destas instalacións exteriores, coa obrigatoriedade de respectar a distancia de dous metros entre as persoas que ocupan as mesas. Só se autorizan grupos cun máximo de 10 persoas, que deberán manter distancia entre elas.
A instancia pódese descargar da páxina web do Concello de Poio ou solicitala a través do rexistro municipal. Os establecementos están obrigados a informar da ocupación que realizan, ademais de achegar unha declaración responsable e fotografías ou planos indicando os espazos nos que se situarán as mesas e cadeiras.
A Policía Local e os departamentos de Urbanismo e Apertura de Actividades analizarán as propostas para informar sobre a viabilidade das solicitudes.
Esta ampliación é gratuíta para os empresarios ata que conclúan as actuais condicións de restrición de actividades. Os locais poderán solicitar a ampliación da terraza por unha superficie que permita a distancia de seguridade entre mesas ou a agrupación, ata un límite que non supere o número que establece o seu aforo.
Tamén se autoriza de maneira temporal a ocupación de zonas de dominio público que dea a fachadas doutros edificios non comerciais, respectando sempre os accesos e as distancias de seguridade. Tamén se poderán ocupar parques, prazas e xardíns, garantindo o tránsito de peóns e de vehículos. En canto a espazos privados poderanse utilizar xardíns, hortas ou patios interiores.
Non se permitirá o uso de aparellos reprodutores de imaxe ou son nas terrazas, nin o peche de solo público. Autorízanse as antucas de cor neutras e biombos separadoras transparentes, sen que utilicen ancoraxes nin publicidade.
MEDIDAS DE HIXIENE
En relación ás medidas de hixiene, o documento establece que se procederá á limpeza e desinfección das mesas e cadeiras entre un cliente e outro. Preferiblemente utilizaranse manteis dun só uso. Poñerase ao dispor do público dispensadores de xel hidroalcohólico e eliminaranse os produtos de autoservizo como palilleiros, servilleteiros, aceiteiros e outros elementos similares.
As tarefas de limpeza e desinfección teranse que realizar, como mínimo, seis veces ao día. Os aseos non poderán ser ocupados por dous ou máis persoas ao mesmo tempo. Recoméndase non utilizar cartas cos menús e recoméndase o uso de lousas, carteis ou dispositivos electrónicos.
En relación co persoal estableceranse quendas que garantan o cumprimento das distancias de seguridade.
SOCORRISTAS
A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases para contratación de persoal para a prevención e vixilancia de incendios forestais no municipio.
Tamén se decidiu a contratación de seis socorristas que, como nos últimos veráns, realizarán servizos nas praias de Cabeceira, en Lourido e en Xiorto, na parroquia de Raxó.
Relacionadas:
-
Activan unha consulta pública en Poio para avanzar na ordenanza de ocupación de espazos públicos
Por Redacción |
-
O Concello impulsa o programa 'Poio Confía' para apoiar o tecido empresarial do municipio
Por Redacción |
-
Só os vehículos autorizados poderán circular polo paseo da praia de Raxó
Por Redacción |
-
Poio informa o sector hostaleiro da nova normativa temporal
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio perfilará a ampliación das terrazas co sector hostaleiro
Por Oskar Viéitez |
-
Poio regulará a ampliación do espazo a ocupar polas terrazas dos negocios de hostalería
Por Redacción |
-
Poio quere ampliar os espazos para terrazas de establecementos de hostalería
Por Redacción |