Úrsula Varela, camareira á espera de cobrar o ERTE, con dous fillos pequenos e sen axudas: "Vivimos con angustia"
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Úrsula Varela Martínez é unha traballadora de hostalería de Pontevedra que se atopa en expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) desde mediados de marzo. Pasaron dous meses e continúa sen cobrar aínda que o ERTE solicitado pola cafetería na que traballa fora aprobado no mes de marzo.
"Vivimos de aluguer, en abril a caseira perdoóunolo, pero este mes estamos igual, tampouco temos ingresos. Ela dinos que se lle podemos ingresar algo, o que podamos e despois xa se irá vendo aos poucos" explica Úrsula como están a afrontar a situación dos gastos da vivenda na que residen.
Para comer están a recorrer á familia: "Imos comer a casa da miña nai ou da miña avoa. Os nenos tamén se van co tío, polo menos que eles teñan un prato na mesa". Úrsula explica así como está a vivir o problema cos seus dous pequenos fillos, con dous e sete anos de idade.
"Que miren o meu tema con dous nenos pequenos aos que teño que dar para comer. Se non teño ingresos, como lles dou para comer? Para min o primeiro son os meus fillos. Son pequenos e non entenden a situación", explica esta camareira dunha cafetería pontevedresa para asegurar que no sector da hostalería hai moitos casos parecidos. "Vivimos con angustia. Quero que isto se solucione. Por iso falo. Outros din que lles dá apuro".
Ela mostra a súa preocupación ante a lentitude por parte da administración no seu caso. "O 23 de marzo aprobouse o ERTE da miña empresa e hai xente á que se lle aprobou en abril e xa cobrou. Non entendo por que nós non cobramos. Non o entendo", laméntase.
E unha vez máis, as queixas diríxense á atención no Servizo Público de Emprego (SEPE). Cada vez que reclama unha solución, atópase coa calada por resposta: "Chamas e colgan. Mandamos un email e non che contestan. Din que che van pasar cun axente e colgan. Levo un mes e pico tentándoo e nada"
Esta nova camareira tampouco pode acollerse aos anticipos das prestacións que ofrece a Xunta de Galicia porque a súa entidade bancaria non asinou o convenio coa administración autonómica. Unha solución que, en todo caso, tampouco convence a Úrsula vendo como se atopan algúns dos seus compañeiros á espera da prestación: "O banco cobre as espaldas. E se non che pagan o ERTE, empéñaste máis. Como lle devolves o diñeiro ao banco? Fanche asinar un papel sen saber se vas cobrar ou non", laméntase esperando que pronto poida recibir o diñeiro do ERTE para aliviar, polo menos un pouco, a situación económica da súa familia.
Segundo información facilitada polo Concello, a concelleira Paloma Castro, responsable de Benestar Social, púxose en contacto con Úrsula para informarlle de todas as axudas ás que se pode acoller a través dos servizos municipais mentres non cobra o ERTE.
Relacionadas:
-
Un total de 87.485 traballadores da provincia acolléronse a un ERTE e o 99% dos tramitados aprobáronse
Por Natalia Puga |
-
Os hostaleiros de Pontevedra, entre a necesidade, unha clientela desbocada e a presión policial
Por Manu Otero |
-
Os datos de marzo sitúan a Pontevedra como a terceira cidade de Galicia con menos paro
Por Redacción |
-
Yasmina Reguera, vítima do impago do ERTE: "Teño dúas fillas e levo 62 días sen ingresos"
Por Anxo Lourido |
-
A crise provoca que máis de 200 persoas se acheguen a diario ao comedor de San Francisco
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |