Rafa Domínguez acusa o goberno de Fernández Lores de "dar as costas ao comercio local"
Por Redacción
Rafa Domínguez, presidente do Partido Popular de Pontevedra, co concelleiro Pablo Fernández, mantiñan un encontro telemático este venres con representantes da Asociación de Hostaleiros e Empresarios de Pontevedra. Durante esta cita analizouse a situación deste sector no municipio.
O portavoz municipal do PP comprometeuse a "dar voz ás demandas da hostalería fronte o Concello, nun momento moi crítico debido á crise do coronavirus".
Por este motivo, considera que o Concello ten capacidade para modificar as súas taxas e pide ao goberno local que non se esconda "na mentira de que todas as medidas débenas tomar o goberno autonómico e central", apunta Domínguez ao afirmar que "dar as costas ao comercio local agora é irresponsable. Están a condenalos".
O PP sinala que os hostaleiros lle trasladaron como principal demanda a exención das taxas e impostos durante o período en que a súa actividade viuse interrompida. Para Rafa Domínguez esta postura é lóxica e o luns, durante a celebración do pleno municipal, tratará este tema durante a sesión.
"Votar en contra desta medida supoñería a condena do comercio local e aos autónomos de Pontevedra. Espero que o BNG e o PSOE recapaciten e empecen a traballar polo ben de Pontevedra", dixo.
Domínguez entende que a falta de sensibilidade e consideración cara este sector é unha imprudencia: "O Concello non escoita aos hostaleiros" e refírese a que diferentes concellos da contorna, de diferentes cores políticas e con diferente capacidade económica, xa lanzaron axudas, referíndose a Marín, Poio, Compostela ou Madrid.
Pola súa banda, Pablo Fernández recolleu outras medidas demandadas para impulsar ao comercio local unha formación en comercio electrónico, suspensión da taxa de auga e lixos, a de terrazas, a modificación orzamentaria para crear un fondo de axudas sociais e económicas, a creación dunha marca identificativa para o comercio local e a posta en marcha dunha plataforma de venda de produtos fabricados e ofertados en Pontevedra.