A Deputación lanza unha campaña de promoción do comercio local de cada comarca
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres unha campaña de promoción do comercio local da provincia que se desenvolverá por comarcas.
Despois do "gran impacto" que tivo a promoción dos produtos locais feita pola administración provincial, Carmela Silva anunciou unha "segunda fase de promoción" que está dirixida ao sector comercial e que mantén o lema "Pontevedra provincia na túa cesta" pero engade o slogan "Elixe comercio local".
Segundo explicou hoxe a mandataria provincial nunha rolda de prensa telemática, esta campaña pretende apoiar a estes pequenos empresarios ao considerar que son "fundamentais para revitalizar a economía do territorio".
Para iso vaise a "incentivar o consumo da poboación" neste tipo de negocios destacando as "vantaxes e singularidades" que estes ofrecen fronte a outros "grandes competidores" como son a venda por internet e os grandes distribuidores.
Esas "características propias" que fan que o comercio local sexa "máis atractivo" pasan por "unha atención máis singular, amabilidade, familiaridade, coñecemento do barrio e a súa clientela, identidade co territorio, sustentabilidade e calidade", enumerou a presidenta.
Carmela Silva informou que a próxima semana a Deputación empezará con esta campaña que ten un "dobre obxectivo", o xa citado de multiplicar o consumo interior pero tamén se persegue "decantar visitantes".
A campaña centrarase nas comarcas, así por exemplo citou a mensaxe: "Somos unha terra única merca na comarca de Pontevedra" e así en todas, cun mapa e unha imaxe do territorio correspondente. Desenvolverase a partir do 21 de maio nos medios propios da Deputación ademais de xornais impresos, dixitais, radios e televisións.
Xunto a esta promoción a administración provincial lanza un concurso de fotografía de Turismo Rías Baixas que leva como lema "#ComemosPolosOllos" e que ten como obxectivo que a cidadanía "mostre o mellor da nosa provincia" en Twitter e Instagram con "produtos gastronómicos que representen ás nosas comarcas".
Relacionadas:
-
Premian obras creativas con produtos da terra no concurso fotográfico 'Comemos polos ollos'
Por Redacción |
-
As mulleres no sector primario, imaxe escollida pola Deputación para promover o produto local
Por Redacción |
-
A Deputación lanza dúas novas campañas online para promocionar o turismo nas Rías Baixas
Por Redacción |
-
‘Elixe comercio local’ consolida a aposta da Deputación pola compra de proximidade
Por Redacción |
-
Balón de osíxeno da Deputación ao Marisco do Grove, o Albariño de Cambados e a Auga de Vilagarcía
Por Redacción |
-
A presidenta da Deputación reclama a Núñez Feijóo unha reunión para crear un plan de reconstrución de Galicia
Por Redacción |
-
A Deputación lanza unha campaña de posta en valor do produto de proximidade
Por Oskar Viéitez |