Moraña aforrará un 60% en iluminación pública cun novo programa piloto
Por Redacción
Uns concellos prefiren apagar farolas para aforrar e outros, como o de Moraña, participar nun programa piloto que lle permitirá gastar un 60% menos no seu consumo enerxético. Trátase dunha iniciativa do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que está a desenvolver un proxecto piloto de iluminación pública exterior no Concello de Moraña que, segundo as primeiras estimacións, acadará aforros enerxéticos preto dun 60% nas zonas incluídas no estudo.
"Trátase dunha cifra moi importante se temos en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio", subliñou o director do Inega, Eliseo Diéguez, na presentación do proxecto.
A través desta actuación substituiranse preto de medio milleiro de lámpadas nas parroquias de Barosela, Alende, Souto, Vilacoba, San Lourenzo, Afieiras, Mirallos, Rodonda, Silvoso e Penagrande. No seu lugar, instalaranse lámpadas de última xeración que mellorarán a calidade lumínica cunha importante redución da potencia. O cambio permitirá, en total, un aforro enerxético de case 128.400 kWh ao ano, o que supón un aforro económico próximo aos 22.000 euros por exercicio.
Segundo apuntou Diéguez, "o Concello de Moraña diminuirá a súa factura económica en máis da metade nos lugares afectados". Así mesmo, o conxunto da nova instalación suporá unha redución das emisións á atmosfera de case 45.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de preto de 2.250 árbores.
Esta iniciativa encádrase nun convenio no que participan outros dous concellos galegos Arnoia e Boqueixón-, e os seus resultados servirán para estudar a implantación de novas tecnoloxías de iluminación exterior, extrapolando os resultados obtidos a outros municipios da comunidade.