Interceptan na peaxe de Caldas de Reis unha furgoneta que transportaba quilo e medio de cocaína
Por Oskar Viéitez
A Policía Nacional detivo un individuo de 46 anos de idade, veciño de Narón, con antecedentes policiais, por un delito contra a saúde pública cando circulaba co seu vehículo en cuxo interior portaba case quilo e medio de cocaína.
Segundo informaron este mércores fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, a primeiras horas da mañá do día 11 de maio levou a cabo un operativo que culminou coa detención dunha persoa, que transportaba na furgoneta que conducía a cocaína incautada polos axentes policiais.
O vehículo foi interceptado cando circulaba pola nacional N-640 dirección Vilagarcía de Arousa cara o acceso á peaxe da autoestrada A-9, na localidade de Caldas de Reis.
Esta operación é o resultado de varios meses de investigación por parte da UDYCO da Policía Nacional de Pontevedra, que está a investigar a persoas que estarían a viaxar desde o norte de Galicia, concretamente desde a localidade de Ferrol e a súa contorna á zona da comarca do Salnés para adquirir importantes cantidades de cocaína.
O detido foi foi posto ao dispor do xulgado de Caldas de Reis, quen decretou o seu ingreso en prisión.
A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.