O párroco de Lérez négase a enterrar un falecido porque co coronavirus "non se pode saír da casa"
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Despedir ao teu pai sempre é difícil. E máis, sen dúbida, nestes momentos nos que a pandemia do coronavirus impide ás familias reunirse para dar o último adeus aos nosos seres queridos. Pero este transo faise mesmo moito máis duro cando non te atopas máis que obstáculos neste camiño.
É o que sufriu Susana Vázquez, unha pontevedresa que enterrou ao seu pai hai uns días, vítima do cancro contra o que levaba pelexando desde hai tempo. Cando quixo que o cura de Lérez oficiase o seu enterro, este negouse en rotundo.
"Eu non saía do meu asombro", relata a filla do falecido a PontevedraViva. "Non entendo que se poida consentir tal falta de humanidade", engade sobre o comportamento de Don Crisanto.
Todo comezou cando a funeraria contactou co párroco. "Como a situación é a que é", relata Susana, optou por incinerar ao seu pai. Así, o sacerdote só debía acudir ao cemiterio para rezar polo falecido durante o enterro das cinzas.
"Era cousa de cinco minutos", explica esta pontevedresa. Pero o párroco, segundo denuncia a muller, "negouse a vir, dixo que non ía porque co coronavirus non se podía saír de casa". A pesar de que lle insistiron, a resposta foi sempre a mesma. Non iría enterrar ao fregués.
O enterro, ao que só acudiu Susana e o seu marido, púidose celebrar finalmente porque o párroco de Salcedo, aínda que non lle correspondía asistir, accedeu a oficialo. "El tampouco daba crédito ao que pasou", afirma a denunciante.
"Díxonos que iso non podía pasar, que era o seu traballo, o seu deber e a súa obrigación enterrar a un falecido", engade Susana, que explica que cando agradeceron ao cura de Salcedo que enterrase ao seu pai este díxolle que "non tiña nada que agradecer, que como non ía vir".
Agora, esta pontevedresa ten claro que o funeral polo seu pai "non o vou a facer alí", a pesar de que el "era moi crente" e, como veciño de Lérez, ía á misa que oficiaba Don Crisanto "todos os domingos" ata que a súa enfermidade impediullo.
Ademais, presentará unha queixa formal contra o párroco ante o Arcebispado de Santiago porque asegura non entender que sigan avalando as súas condutas, especialmente cando aos sacerdotes "supónselles unha serie de principios e valores que este señor non ten".
Nos últimos anos, lembra Susana, este sacerdote é "tristemente famoso" polos seus enfrontamentos "continuos" cos fregueses.
O párroco de Lérez, por consello médico e ante os seus 81 anos, está "cumprindo a rajatabla" o confinamento, segundo a Igrexa
A IGLESIA DEFENDE O CONFINAMENTO DO PÁRROCO
A este respecto, consultado por PontevedraViva, o vigairo de Pontevedra, Calixto Cobo, asegurou que ningunha familia se queixou da actuación do párroco de Lérez que, por consello médico e ante os seus 81 anos, está "cumprindo a rajatabla" o confinamento.
"El non vai ao cemiterio. Cando lle avisan as funerarias lémbrallo e autorízalles a buscar outro sacerdote", afirma o vigairo, que defende que o cura está a ser "coherente" durante toda esta situación porque "non foi ao cemiterio nin sequera tras a morte de familiares de persoas colaboradoras da parroquia".
A estas últimas, engade Calixto Cobo, "non lles pareceu mal e, aínda máis, pedíronlle que non fose ao cemiterio" porque o sacerdote "non sae nin a comprar comida e ten unha persoa que lle cociña". Explica que só acode a celebrar misa "porque ten o templo ao lado".
Relacionadas:
-
O novo cura de Lérez nega a comuñón a unha devota nun funeral e causa un cisma na parroquia
Por Anxo Lourido |
-
O PP de Poio solicita a reapertura gradual e controlada do cemiterio municipal
Por Redacción |
-
Indignación contra o cura de Lérez por impedir a unha freguesa ler "o último adeus ao meu pai"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |