Redución do 90% do tráfico na cidade durante o confinamento domiciliario
Por Redacción
A través duns equipos electrónicos, o Concello de Pontevedra está a realizar a medición do tráfico en varias vías de entrada e saída á cidade, e nunha rúa do centro, desde que se decretou o estado de alarma por mor do Covid-19.
O dato máis salientable que ofreceron estes aforadores de tráfico é que o cómputo xeral desta redución chegou a superar 90% na cuarta semana, na que coincidiron a paralización de todos os servizos non esenciais e os festivos de Semana Santa.
Segundo declarou a portavoz do Goberno local, Eva Vilaverde, "os datos de tráfico en Pontevedra deixan ver ás claras a práctica paralización da actividade na cidade. Tamén o confinamento da veciñanza. Loxicamente a redución do tráfico tamén é progresiva no último mes".
O descenso do tráfico motorizado durante as dúas primeiras semanas (entre o 16 e o 29 de marzo) reflicte o confinamento domiciliario, así como a paralización de tráficos específicos como o relativo á actividade escolar e o de todas as actividades comerciais que non foron incluídas no decreto do estado de alarma.
A terceira semana (do 30 de marzo ao 5 de abril), na que a diminución do tráfico se incrementa, hai que sumarlle tamén a entrada en vigor da paralización de todos os servizos non esenciais.
A cuarta semana (do 6 ao 12 de abril), que é a que maior descenso experimenta, ten a particularidade de coincidir coa Semana Santa, polo que tamén se reducen as entradas e saídas a centros de traballo ou produción considerados esenciais.
Para a portavoz do Goberno local, "desta maneira, falamos na primeira semana de datos de arredor do 70 por cento de redución de tráfico e acabamos a última semana superando o 90 por cento de media en todas as rúas que foron medidas".
Os aforadores para o conteo dos vehículos foron colocados en rúas que maioritariamente forman parte do anel interior da cidade: avenida María Vitoria Moreno, rúa da Estación dirección avenida Josefina Arruti, avenida Josefina Arruti cara á rúa da Estación, avenida de Marín dirección saída da cidade, rúa Xosé Malvar dirección rúa da A Seca e Doce de Novembro, rúa Xosé Malvar dirección rúa da Seca e Ponte dos Tirantes, rúa da Seca dirección rúa Pomba, e rúa Uxío Novoneira.
Relacionadas:
-
As estradas autonómicas de alta capacidade soportan un 74% menos de tráfico co estado de alarma
Por Redacción |
-
Con xornadas nas que só un cliente para a reabastecer, as estacións de servizo piden apoio ao Goberno
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Unha Pontevedra "pantasma" como nunca se viu
Por Diego Torrado |
-
Investigan penalmente un pontevedrés por quebrantar reiteradamente as normas de confinamento
Por Oskar Viéitez |
-
Rúas e prazas baleiras: os pontevedreses confínanse para loitar contra o coronavirus
Por Diego Torrado & Natalia Puga |