A Garda Civil investiga penalmente un pontevedrés por quebrantar reiteradamente as normas de confinamento
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil investiga penalmente un veciño de Pontevedra por un suposto delito contra a orde pública ao non respectar de forma reiterada as medidas de limitación da liberdade de circulación de persoas establecidas polo Real Decreto polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, a última ocasión na que interceptaron a este pontevedrés, de 26 anos, tivo lugar na estrada PO-10, á altura do centro comercial Carrefour en San Brais.
Unha patrulla de motoristas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil sorprendeu a este mozo circulando nunha furgoneta da súa propiedade sen causa xustificada.
Esta persoa xa fora denunciada previamente por non respectar o confinamento obrigatorio noutras dúas ocasións. Diante da reincidencia do condutor notificóuselle a súa condición de investigado como suposto autor dun delito contra a Orde Pública, polo que se instruíron as oportunas dilixencias e foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra.
Durante a pasada fin de semana, a Garda Civil apreciou unha considerable redución do tráfico rodado a través dos numerosos controis que se efectuaron en autoestradas, autovías e estradas convencionais, nos que se puido apreciar un respecto xeneralizado das medidas acordadas polas autoridades gubernativas para a xestión da crise sanitaria. Neste sentido, os controis continúan coa mesma intensidade durante toda a Semana Santa.
A Garda Civil lembra a prohibición de realizar desprazamentos non autorizados e insta os condutores a ter a man documentación que xustifique a causa da viaxe, así como documentación persoal que poderán mostrarse a través do parabrisas dianteiro para facilitar o labor aos axentes e minimizar riscos de contaxio.
Relacionadas:
-
Redución do 90% do tráfico na cidade durante o confinamento domiciliario
Por Redacción |
-
Salta seis veces o confinamento para ir co coche a diferentes lugares da provincia
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio ten identificados 15 veciños reincidentes en incumprir o estado de alarma
Por Natalia Puga |
-
Multan un matrimonio de Ourense que viña "de vacacións" a Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Vixiarán as segundas residencias diante da chegada da Semana Santa
Por Oskar Viéitez |
-
Tráfico multa a 135 condutores nunha soa fin de semana na provincia
Por Redacción & Diego Torrado |
-
E vostede onde vai? Intensifícanse os controis de tráfico
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |