Moraña merca máscaras reutilizables para a veciñanza
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Concello de Moraña vén de anunciar que vai proceder á adquisición de máscaras hixiénicas reutilizables para a veciñanza despois de que o Ministerio de Sanidade confirmase nesta fin de semana a recomendación de uso das mesmas para a protección de contaxio fronte ao coronavirus.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, explicou que ante a recomendación do emprego xeralizado das máscaras "fixemos esta fin de semana as primeiras xestións para equipar aos cidadáns".
O Concello xa fixo xestións para a súa adquisición apostando, en principio, por un modelo de téxtil non tecido (TNT) reutilizable, hixiénico e lavable que ademais dispón de filtro cirúrxico.
"Tan pronto como confirmemos as cuestións técnicas pecharemos o encargo esta semana e posteriormente procederíamos á súa distribución, de xeito áxil, entre os veciños", detallou Piñeiro.
Así mesmo, a alcaldesa engadíu que a entrega de máscaras completarase cun protocolo informativo e a entrega de trípticos nos que se detallará o seu uso correcto, o modo de lavala e os momentos para empregala e tamén outras prioridades do ministerio, como o mantemento da distancia persoal cando non se dispoña de mascariña, a limpeza constante das mans e a hixiene de locais públicos e espazos público-privados.