O Colexio de Médicos agradece aos seus colexiados o seu "extraordinario labor" eximíndolles das cotas
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Debido á situación provocada polo virus Covid-19 no sistema sanitario de Galicia e do resto do Estado, o Colexio Oficial de Médicos da provincia de Pontevedra decidiu anular a cota colexial correspondente aos meses de abril, maio e xuño para os seus 4.600 colexiados.
Este acordo, aprobado por unanimidade durante o último Pleno da Xunta Directiva na súa sesión do pasado día 1 de abril, é unha forma de "recoñecer o esforzo titánico" que realizan os facultativos que están en primeira liña na loita contra a propagación do Covid-19.
Esta medida excepcional e pioneira en Galicia inclúe tamén aos 1.200 facultativos que cumpren o seu exercicio profesional na sanidade privada e que se viron afectados xa que limitan a súa actividade asistencial ás urxencias e emerxencias por recomendación das autoridades sanitarias.
Desta forma queren compensar o labor que están a facer os seus 4.600 colexiados e o seu "extraordinario labor" na loita da propagación do Covid -19.
Este Colexio realiza así un "esforzo económico de enorme calado para colaborar e apoiar directamente ao colexiado e poder afrontar así esta situación de estado de alarma".