Denuncian cinco persoas que estaban a beber e fumar dentro dun bar de Pontevedra e tentaron esconderse da policía
Por Redacción
As denuncias por incumprimento do estado de alarma tramitadas pola Policía Local de Pontevedra nas últimas semanas inclúen tan só dúas relativas á actividade realizada en establecementos de hostalería. En ambos os casos, foron chamadas veciñais as que permitiron frear os comportamentos contrarios ao confinamento que se estaban realizando no interior destes dous bares da cidade.
O 21 de marzo detectouse unha actividade sospeitosa nun local da zona de Montero Ríos. Os veciños denunciaron que detectaran a presenza de persoas no interior dun local aparentemente pechado ao público, de modo que os axentes policiais desprazáronse ao lugar e observaron que a porta estaba cuberta por papeis de xornais que tentaban esconder o interior do negocio, pero que igualmente se percibía que había xente dentro.
En concreto, observaron que dentro había luz e escoitábanse voces de xente falando e música, de modo que os policías chamaron á porta, pero ninguén lles respondeu. Os axentes insistiron varias veces identificándose como policías, pero sen éxito, de modo que mentres unha parte deles quedaron na porta, un compañeiro desprazouse para tentar localizar outra forma de acceder ao local.
Este policía localizou a varios metros unha porta de acceso ao local a través dunha vivenda anexa e atopouse con que había varias persoaas que tentaban esconderse alí nun corredor para que non os localizasen.
No corredor había tres persoas e outras dúas estaban no propio bar e os policías locais comprobaron que dentro do negocio había un forte cheiro a tabaco e tamén cabichas nos cinceiros e restos de consumicións.
Os cinco foron denunciados por incumprimento do estado de alarma por estar nun establecemento de hostalería fumando e bebendo a pesar da prohibición desta actividade.
A segunda actividade irregular detectouse o pasado 3 de abril sobre as catro da tarde nun establecemento da zona do Marco. Tras a correspondente chamada veciñal, a Policía Local desprazáronse ao lugar e comprobaron que as portas e xanelas estaban pechadas, pero había actividade dentro.
Os veciños relataran que había persoas entrando e saíndo do negocio por unha porta lateral. Os axentes chamaron á porta e abriulles a dona do negocio, que recoñeceu que dentro había varias persoas e xustificouse explicando que estaban a realizar labores de mantemento do local.
Os policías comprobaron que estaban a pintar unha porta interior, pero igualmente denunciaron a actividade que alí se estaba realizando, pois non está permitida no decreto do estado de alarma.