Pontevedra pechou con case 105 millóns o orzamento municipal de 2019
Por Alejandro Espiño
Ata 28 millóns de euros creceu o orzamento municipal de Pontevedra para 2019 con respecto ás cifras iniciais. Así o desvelou este mércores o edil de Facenda, Raimundo González. En concreto, as contas do ano pasado eleváronse ata os 104,8 millón de euros.
Para o 2019, o Concello deseñara un orzamento de 76,6 millóns que, ao longo do ano, se foi incrementando coa incorporación de modificacións de crédito ou remanentes.
Con carácter xeral, as cifras demostran que Pontevedra pechou o exercicio cun fondo líquido de tesourería de 28,3 millóns, unha débeda de 7,9 millóns, un superávit de case 4,9 millóns, unha execución do orzamento do 90% e un remanente de tesourería próximo aos 20 millóns.
Estes datos sinalan que o Concello ten liquidez "suficiente", segundo o goberno municipal, para afrontar os seus pagos, que a débeda está reducida a "mínimos históricos" e xa está a nivel de mediados dos anos 80 e que se tramitaron 93 millóns, seis máis que en 2018.
Isto provocou que o teito de gasto do Concello crecera en 2,6 millóns de euros.
Pero Raimundo González asegura que "lonxe de sacar peito", é o momento de utilizar todas as ferramentas "que temos nas nosas mans" para que esta boa situación económica reflicta nos veciños e sirva para "paliar a desastrosa crise económica que temos na porta".
Para iso, o edil do BNG reiterou a necesidade de que se derrogue a coñecida como Lei Montoro xa que, actualmente, os 4,8 millóns do superávit só se poden destinar a amortizar débeda, é dicir, a pagar aos bancos, e só una pequena parte pode ir para gasto social.
Ademais, o groso do remanente de tesourería "non se pode investir noutra cousa", engadiu González, a lo menos de momento.
Para o concelleiro de Facenda é "imprescindible" esta modificación legal porque "impide" aos concellos facer uso do diñeiro do que dispoñen, sen ter que acudir a préstamo, para atender as necesidades dos seus veciños.
Neste momento, entende o Concello, "é necesario implementar cantidades inxentes de diñeiro para recuperar a actividade económica e para poder facer políticas destinadas ás persoas e non aos bancos". No caso de Pontevedra, sen esa lei, a cidade podería destinar ata 15 millóns de euros a un plan de reactivación económica.
Raimundo González advertiu que sería unha "tropelía" que o Goberno central, como xa se comenta en certos ámbitos, queira "confiscar" o superávit dos concellos e reiterou que as autoridades centrais "atendan o clamor" da administración local para suprimir o teito de gasto.
Relacionadas:
-
Non haberá aumento nos impostos e taxas de Pontevedra por sétimo ano consecutivo
Por Alejandro Espiño |
-
Moratoria para o cobro dos recibos de auga e lixo, venda ambulante e veladores
Por Redacción |
-
Pontevedra prepara un "plan de choque" para reactivar a economía o "día despois" do coronavirus
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello prioriza o pago a provedores mentres estuda a concesión de axudas para as empresas locais
Por Manu Otero |