Pontevedra suma 164 positivos por coronavirus, ten seis casos na UCI e constata a curación de dous pacientes
Por Natalia Puga
A última actualización de datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade revela que a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este luns 23 de marzo un total de 164 casos activos de coronavirus tras sumar 28 novos positivos nas últimas 24 horas aos 136 que había o domingo.
Ata o momento, prescribíronse dúas altas na área sanitaria a pacientes que, tras estar ingresados durante 14 días de tratamento, están curados e agora dan negativo á proba de coronavirus.
O número de pacientes hospitalizados e illados para recibir o necesario tratamento sufriu escasa variación, de 33 o domingo a 35 este luns, pero si creceron os enfermos que, pola gravidade do seu cadro clínico, necesitan estar ingresados na UCI.
En concreto, deses 164 casos activos, 35 están hospitalizados e este luns permanecen ingresados na UCI un total de seis pacientes da área sanitaria. Segundo as cifras oficiais facilitadas, catro deses pacientes hospitalizados están no Hospital do Salnés e o resto no Hospital Montecelo. Os outros 129 están illados nos seus domicilios.
No conxunto de Galicia, este luns excedeuse a barreira dos 1.000 casos activos. Fronte aos 885 que había un día antes, na última actualización, o número de casos de coronavirus ascende a 1.170, deles 298 son da área da Coruña, 62 da de Lugo, 142 da de Ourense, 278 da área de Vigo, 189 da de Santiago, e 37 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 46 permanecen en UCI, 270 están en unidades de hospitalización e 854 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 19 falecementos, dous deles na área sanitaria de Pontevedra. O último falecido era un home de 81 anos que estaba ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti, e que tiña patoloxías previas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.