Cerdedo-Cotobade apraza o pago de algúns impostos
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de asinar unha providencia dirixida aos servizos técnicos municipais na que lles insta a xestionar o aprazamento de todos os impostos e taxas municipais que teñan aberto o período voluntario de pago co obxectivo de favorecer a economía doméstica das familias durante o actual Estado de Alarma.
O rexedor, que dá por feito o adiamento xa que ten un perfecto encaixe legal, explicou que deste xeito interrumpiranse os períodos voluntarios de abono dos tributos en curso, que actualmente son o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e a taxa de limpeza e recollida de lixo, e prorrogarase o seu pago "ata novo aviso", que en principio se retomará este mesmo ano cando se levante o Estado de Alarma e se recupere a normalidade socioeconómica.
Neste senso, Cubela indicou que a situación afecta en principio a estes dous tributos, xa que outros como os impostos de Bens Inmobles (IBI) e o de Actividades Económicas (IAE) non arrancan ata o verán, aínda que non desbota extender estes aprazamentos se a situación se prolonga no tempo. En calquera caso, xa anunciou que vaise reelaborar por completo o calendario fiscal de 2020.
En concreto, o Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten calculado que a merma momentánea dos ingresos ascenderá a uns 208.000 euros no caso da denominada "viñeta" e a 117.000 respecto á taxa do lixo.