"Escasas" posibilidades de rescatar con vida ao alpinista pontevedrés Abel Alonso e os seus dous compañeiros
Por Redacción
Os equipos de rescate apuran as últimas opcións para rescatar aos tres alpinistas desaparecidos o pasado martes no Karakorum, no descenso do pico Gasherbrum I. Entre eles figura o deportista pontevedrés Abel Alonso, que afronta este reto deportivo para tomar dous oito miles no corazón do Himalaia co patrocinio da Concellería de Deportes de Pontevedra.
O Concello de Pontevedra foi este xoves o escenario dunha rolda de prensa ofrecida polo portavoz da familia, o tamén escalador Sechu López. Ao acto asistiron tamén o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o presidente da Federación Galega de Montañismo, Adolfo Puch; e o vicepresidente do club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, Lois Faro.
"Gustaríame dicir que hai boas novas, pero non é así", subliñou Sechu López, quen destacou que o mércores saíron varios helicópteros para facer un recoñecemento e tratar de localizar aos alpinistas ou, no seu caso, indicios da súa presenza. "Aos cinco minutos tiveron que regresar a causa das malas condicións meteorolóxicas. Antes de onte foron contratados tres sherpas experimentados para levar o peso do rescate e xa están no campamento 3 tratando de localizar aos desaparecidos", informou.
Sechu López destacou que despois de catro noites ao raso, a máis de 7.200 metros de altura, "non hai ningún dato que faga ser optimista. Aínda que ata o último momento albergaranse esperanzas, o corpo humano, subliñou, tens uns límites e todo fai pensar que están sobrepasados".
O portavoz da familia explicou que é moi posible que se o xoves non hai ningún avance se suspenda a operación de rescate. "No mellor dos casos poderíase prolongar un día máis, sempre que o tempo mellore".
Sechu López concluíu que a familia, a Federación Galega de Montañismo e o Club Peña Trevinca, ao que pertence Abel, estiveron sometidos a unha forte presión durante estes últimos días. Polo tanto, non farán ningunha outra comparecencia pública ata que haxa novidades.
Relacionadas:
-
Luto no campus e no CHOP polo falecemento do alpinista, profesor e compañeiro, Abel Alonso
Por Oskar Viéitez |
-
Dan por falecidos o montañeiro pontevedrés Abel Alonso e os seus dous compañeiros
Por Oskar Viéitez |
-
Preocupación ante a falta de noticias do alpinista Abel Alonso tras facer cume nun 'oito mil'
Por Oskar Viéitez |
-
O montañeiro pontevedrés Abel Alonso conquista o seu primeiro oito mil
Por Redacción |
-
Abel Alonso, o reto de pisar un cumio de 8.000 metros
Por Diego Espiño |