Dan por falecidos o montañeiro pontevedrés Abel Alonso e os seus dous compañeiros
Por Oskar Viéitez
Os tres alpinistas españois que se encontraban desaparecidos dende o pasado luns, o pontevedrés Abel Alonso, Álvaro Paredes e Xevi Gómez, faleceron, segundo informaron nun comunicado os seus compañeiros de expedición dende o campo base.
"Nun último intento de localizar os nosos compañeiros con vida, tras non contactar con eles dende a mañá do día 22, e dada a climatoloxía adversa existente durante estes días en altura, demos un voo de recoñecemento confirmando as nosas peores expectativas: os tres compañeiros citados anteriormente faleceron", sinala o comunicado, no que explican que o equipo de rescate de sherpas confirmou a mesma noticia.
A Federación de Deportes en Montaña, Escalada e Sendeirismo de Castela e León, á que pertencía Alvaro Paredes, xefe do equipo de Bombeiros do Concello de Valladolid, informou tamén de que os equipos que participaban no rescate abandonaron as tarefas de busca, sen esperanza de que sigan con vida.
Tal e como explicou o pasado xoves o alpinista, Sechu López, as baixas temperaturas agravadas pola forte cifra, a gran cantidade de neve e a falta do equipo adecuado para permanecer tantos días á intemperie determinan que os tres expedicionarios perdidos faleceron.
Esta decisión tomouse despois de que este venres os helicópteros sobrevoasen este venres o Gasherbrum e non encontrasen nin rastro dos corpos.
Noutro comunicado, a familia de Xevi Gómez e o Grup de Muntanya de Sarrià de Ter, ao que pertence o alpinista xerundense, lamentaron que as tarefas de busca "finalizaron oficialmente".