A Festa do Lacón con Grelos de Cuntis triunfa malia o mal tempo
Por Redacción
O goberno local de Cuntis fai un balance moi positivo da XXIII edición da Festa do Lacón con Grelos que se desenvolvía este domingo. Segundo expón o alcalde Manuel Campos, a afluencia de visitantes á Vila Termal foi "masiva" ao longo de toda a xornada a pesar da ameaza das precipitacións e das inclemencias meteorolóxicas.
Para Manuel Campos, a xornada estivo marcada pola implicación, a convivencia e a diversión entre o público que acudía á carpa na que se serviu o prato típico desta festa gastronómica, ademais das filloas e orellas típicas desta época do ano.
A intervención de Xabier Fortes, xornalista de Televisión Española, que exercía como pregoeiro tamén foi un éxito de público e non faltaron irónicas críticas sobre noticias destes días. A xornada completábase con Vespalacón, a mostra da camelia, exposicións de artesanía e apicultura, o desfile de Entroidos tradicionais, os xogos para escolares e a Vespaguateque 2020 coa que se pechaba a xornada festiva.
O alcalde destacou o traballo que desenvolveron os operarios e os axentes de Protección Civil e da Policía Local en materia de seguridade para evitar que se rexistrasen incidencias e agradeceu os labores emprendidos polos departamentos de Cultura, de Servizos Sociais e pola xente do programa Habilitas.