A Policía Local de Marín implanta un sistema de vixilancia para a prevención de roubos en propiedades durante as vacacións
Por Redacción
A Policía Local de Marín presentou este xoves o programa Vacacións Tranquilas, unha aposta do corpo de seguridade morracense pola seguridade das propiedades daqueles veciños que pasan largar tempadas fóra nos seus días de descanso.
Este proxecto ofrecerá un servizo de vixilancia e control de locais e vivendas para todas aquelas persoas que se adhiran ao plan. "Non só atenderemos os roubos, senón calquera tipo de incidencia que se poida dar nestes espazos", explicou o axente Salva Montes, en referencia á prevención ante calquera indicio que poida implicar un asalto inminente, como marcas que deixan os infractores antes de cometer un roubo.
O plan poñerase en marcha durante este entroido, para estenderse logo á Semana Santa, o verán e o Nadal. Aqueles propietarios que queiran beneficiarse poden inscribirse nas oficinas da Policía Local cumprimentando un formulario, outra vía pasa pola entrega dunha copia das chaves na xefatura, que só serán usadas en casos de "extrema urxencia". O único requisito para participar é estar empadroado no municipio e cubrir as actas e formularios pertinentes para darse de alta.
Trátase dun proxecto pioneiro aberto a modificacións e recomendacións por parte dos beneficiarios. Por iso, enviarase unha carta a todos os participantes no programa para que o avalíen e incorporen as súas suxerencias.