Alfonso Rueda arroupa a Manuel Vázquez e reúnese co PP de Cuntis de cara ás eleccións autonómicas
Por Redacción
O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, arroupou este martes a Manuel Vázquez, candidato do partido en Cuntis nas últimas eleccións municipais, e mantivo unha reunión con membros da súa candidatura na localidade coa vista posta nas próximas eleccións autonómicas previstas para este ano 2020.
Segundo a información facilitada polo partido, trátase dunha reunión ordinaria enmarcada no calendario de xuntanzas que Rueda está realizando por toda a provincia para facer balance dos primeiros seis meses de mandato, escoitar ás xuntas locais, facer unha análise da situación do partido e falar da súa organización de cara ás autonómicas.
Rueda sinalou que Manuel Vázquez "está facendo un traballo moi importante de renovación e fortalecemento do partido" e unha oposición "totalmente construtiva e fiscalizadora" no propio concello.
O presidente provincial do PP remarcou a importancia de seguir traballando para visibilizar todas as iniciativas que o PP está facendo na súa nova labor de oposición municipal.
Rueda resaltou que é fundamental recoller as inquedanzas e suxestións dos veciños e insistiu en que o PP é "o partido que máis se parece ás persoas", e por iso ten que seguir a pé de rúa "para escoitar todo o que nos teñen que dicir, todo o que poden aportar, e deste xeito reforzarnos e prepararnos para afrontar as próximas eleccións autonómicas".
Alfonso Rueda estivo acompañado polo secretario provincial, Cores Tourís, e pola coordinadora de Organización do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro.