Rexeitan a alegación dun militante do PP contra a paga extra aos funcionarios municipais
Por Alejandro Espiño
Xa non hai impedimento para que os funcionarios do Concello de Pontevedra cobren a paga extra de Nadal. A alegación presentada por un militante do PP contra esta decisión foi rexeitada pola Xunta de Goberno municipal.
Concretamente, este particular, que segundo o voceiro do bipartito, Raimundo González, estaba "teledirixido" polos populares, recorreu a modificación de crédito na que figuraba a consignación presupuestaria de 700.000 euros para abonar este complemento de productividade.
Segundo Raimundo González, esta alegación rexéitase en base aos informes técnicos municipais, "porque non se axusta aos motivos da legalidade vixente que son: non estar de acordo cos trámites legais da tramitación da modificación de crédito; non ter o crédito necesario para o pago; ou ser insuficientes os ingresos aos gastos orzamentados".
O edil nacionalista explicou que, en todo caso, xa existía "a vontade inequívoca" do goberno municipal de pagar esta productividade aos funcionarios municipais, que xa estiveron facendo este mes as horas extra correspondentes para poder recibir este complemento, "cumprindo así co acordo político e co falado cos sindicatos".