Inundacións na N-640, en Caldas de Reis, con motivo da crecida do río Follente
Por Redacción
As choivas das últimas horas afectaron no municipio de Caldas de Reis durante a tarde deste mércores. Se inicialmente no río Umia mantíñase a tranquilidade con saídas de leito en zonas xa habituais pola baixa cota de terreo, segundo informaba Protección Civil de Caldas, a partir de primeiras horas da tarde un afluente do Umia, o río Follente aumentaba o caudal provocando inundacións na estrada N-640 en dirección saída cara a Vilagarcía de Arousa e entrada en Caldas, nun tramo de ao redor de 20 metros.
Con motivo desta crecida, a circulación dos automóbiles por ese punto no municipio de Caldas complicouse, segundo informan desde o servizo do 112 Galicia.
O persoal deste departamento foi alertado polo equipo de voluntarios de Protección Civil e avisouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos equipos de limpeza e mantemento de Fomento para que establecesen as medidas de sinalización e seguridade necesarias para unha mellor circulación nesa zona na que a auga se acumulaba na contorna de diversas leiras.
A media tarde, a situación volveu á normalidade aínda que, desde os servizos de emerxencia, se pide precaución e prudencia ao circular por estradas próximas a ríos. Durante a xornada o río Umia e o Bermeña mantivéronse baixo control, salvo nos puntos habituais de inundación, sen que se rexistrasen incidencias.
Ante o prognóstico de que continuarán as precipitacións, a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Especial de Riscos de Inundacións de Galicia por posibles aumentos nos caudais das concas dos ríos situados na zona atlántica.
Desde a Xunta recomendan retirar os vehículos das marxes dos ríos, evitar atravesar pontes ou torrentes, abandonar actividades en espazos fluviais e, no caso de que a auga alcance o vehículo no que se viaxa, aconsella saír do turismo.