Cuntis, Moraña e Portas asinan un protocolo para colaborar en materia de Protección Civil
Por Redacción
Os concellos de Cuntis, Moraña e Portas asinaron nos últimos días un convenio de colaboración en materia de Protección Civil para tratar de poñer en marcha protocolos de actuación conxuntos que permitan minimizar os custos e, ao mesmo tempo, maximizar a calidade da resposta á cidadanía.
O obxectivo é que calquera emerxencia poida ser asumida polas agrupacións de voluntarios dos tres concellos xa sexa por separado ou de forma conxunta, para garantir sempre unha resposta á cidadanía.
Os tres concellos buscan actuar de forma conxunta ou individualizada ante calquera emerxencia e garantir unha resposta coa maior brevidade posible, sexa cal sexa o concello afectado, e independentemente de que a agrupación do municipio en cuestión poida ou non acudir nese momento.
Froito deste convenio, ante unha situación de emerxencia, vaise dar aviso aos voluntarios que estean máis cerca e que estean dispoñibles nese momento, deixando a un lado os límites xeográficos entre concellos e unindo forzas.
Segundo informan desde as tres agrupacións de voluntarios, levan anos colaborando "de xeito experimental" e esta colaboración mellorou os servizos á cidadanía. Como resultado desta experiencia previa, os alcaldes e a alcaldesa dos tres concellos implicados estableceron esta colaboración.
Os tres concellos implicados non descartan ampliar no futuro esta colaboración con outros municipios da contorna.